Guillerme critica que Feijoo ataque a Catalunya "cando el renunciou a un financiamento xusto para Galiza e non quere máis autogoberno"

Pontevedra, 10 Febreiro 2011. O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, asegurou hoxe que criticou hoxe que o presidente da Xunta se acorde agora de demandarlle ao Goberno Central as cantidades que lle adebeda a Galiza “cando renunciou a ter un financiamento xusto para o noso país e négase a que Galiza teña máis autogoberno”.

En declaracións aos medios esta mañá en Pontevedra, Guillerme asegurou que ao conseguir capacidade para endebedarse “os cataláns e o Goberno da Generalitat fan o que teñen que facer: defender os seus intereses e o seu autogoberno”.

Neste sentido, o portavoz nacional do BNG invitou á sociedade galega a reflexionar “se pola vía da submisión, de non incrementar o autogoberno, de non pensar nos dereitos que como sociedade galega temos as cousas van a mellor ou a peor”.

“Feijoo acórdase agora cando renunciou a un financiamento xusto para Galiza".


En calquera caso, Guillerme subliñou que “é moi rechamante que hoxe o señor Feijoo se lembre de reivindicar cantidades que lle adebeda o Estado simplemente porque onte ou antonte o fixo Cataluña, e cando o seu labor é conseguir un modelo de financiamento autonómico xusto, cousa á que renunciou seu momento”.

A este respeito, fixo fincapé en que “Galiza necesita máis autogoberno, máis capacidade de decisión, e senón día si e día tamén bateremos coa realidade: como co catálogo propio de medicamentos, coas caixas galegas..unha vez e outra”.

“O PP ao mesmo tempo que di que non fai falta máis autogoberno e se nega a elo, seguindo pregado ao poder central, despois quéixase das repercusións que non ter máis autogoberno ten”, criticou.

Si a máis endebedamento se é para gasto produtivo e social


Polo demais, o portavoz nacional do BNG defendeu que “o endebedamento se é para ter gasto produtivo e gasto social haberá que telo e mantelo”.

Neste sentido, Guillerme asegurou que “do que estamos seguros é que esa política do déficit, aínda que se leve por diante os dereitos sociais, non a compartimos”.

“Se o incremento do endebedamento é para dinamizar a economía, facer gasto produtivo e aumentar o gasto social deberiámolo ter todos”, concluíu.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]