Guillerme insta a Feijóo a retirar a Lei de Convivencia por ser "ineficaz" e "tramposa" e ter obtido o Non rotundo da comunidade educativa

Guillerme Vázquez e Carme Adán

Santiago de Compostela, 29 Xaneiro 11.- O Portavoz do G.P do BNG, Guillerme Vázquez, reclamou hoxe a retirada do anteproxecto de Lei de Convivencia  por “innecesario”, “ineficaz” e “tramposo” e convidou a Núñez Feijóo a demostrar se realmente escoita ou non á xente, “el que tanto presume de escoitar a todos os galegos e galegas”, dando marcha atrás a esta iniciativa que onte foi rexeitada por ampla maioría polo Consello Escolar de Galiza.

Guillerme Vázquez, durante unha rolda de prensa coa voceira de Educación do grupo parlamentar nacionalista, Carme Adán, asegurou que o acontecido con este anteproxecto é unha grande oportunidade para ver que fai Feijóo, se realmente “escoita” ou “fai caso omiso” do que lle está a dicir a comunidade educativa e “impón o rodillo da súa maioría absoluta, porque de seguir adiante co proxecto estaremos a falar dunha auténtica imposición”.

Para o voceiro nacionalista, é unha lei “tramposa” porque tenta colar de rondón mecanismos legais de consulta sobre a elección de idioma, mais non consulta aos pais, ironizou, sobre que consideran eles sería necesario para mellorar o sistema educativo en Galiza.

O líder do BNG denunciou que se trata dunha Lei “ideoloxicamente cen por cen Partido Popular, liña Esperanza Aguirre” e advertiu que o que precisa Galiza é unha mellora na calidade do seu ensino, aí debían centrarse todos os esforzos do goberno da Xunta, asegurou, “e non en facernos perder o tempo con este tipo de propostas inútis”.

Neste sentido, tamén fixo un chamamento para que Feijóo deixe de dedicarse a “tontadas exclusivamente ideolóxicas” e se poña mans á obra para solucionar un dos problemas máis graves que ten o País neste momento, como é o paro, que os dados da EPA confirmaron onte.

Rachar consensos

Pola súa parte, a deputada Carme Adán acusou ao presidente da Xunta de ser un experto en “rachar consensos” e puxo como exemplo o decreto do plurilingüismo e o Plan Galego de Convivencia que se aprobara en 2007 mais que o PP nunca desenvolveu, para presentar agora este novo anteproxecto, “feito para unha realidade diferente á galega, copia da Lei de Esperanza Aguirre, engadíndolle un título máis, tralo que agochar a reducción da presenza do galego no ensino”.

Para a parlamentar, trátase dunha lei para “prohibir e non para educar”, pois na súa opinión, se Feijóo realmente estivera preocupado pola educación dos nenos e nenas galegos non habería 300 profesores menos este curso nin se darían as ratios máis altas da historia nas aulas.

Adán lamentou tamén que o goberno do PP saliente como obxectivo da Lei “avanzar na participacion” cando se fixo de costas ao profesorado, aos sindicatos e ás familias, que por iso onte amosaron o seu non rotundo no Consello Escolar. “O obxectivo último, por tanto, é realmente poder prohibir máis cousas e reducir a presenza do galego”, por iso dende o BNG reclaman unha lei con medidas efectivas para un esino público e de calidade.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]