Guillerme denuncia que o decreto das caixas acaba coas competencias exclusivas da Xunta en materia financeira
O portavoz nacional esixe que se free “un decreto que é lesivo para Galiza”, tal e como a propia Xunta admite
Santiago de Compostela, 21 Febreiro 2011. O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, mantivo esta mañá unha reunión co Secretario Xeral da CIG, Suso Seixo, na que analizaron a situación ante a aprobación do Real Decreto que pretende a privatización da caixa galega.
O líder do Bloque explicou que CIG e BNG comparten a preocupación polo futuro da caixa galega e advertiu de que “non ten que ser todo como o decida o goberno central. Non imos ficar paralizados”.
Tal e como indicou Guillerme, a decisión de privatizar a caixa é “unha decisión política”, que non ten ningunha xustificación nin técnica nin económica, ao tempo que indicou que este Real Decreto “acaba con competencias exclusivas da Xunta en materia financieira. Atenta contra algo tan fundamental como que Galiza teña un sistema financeiro, dinamita o Estatuto e recentraliza as decisións importantes en materia política”.
En vista desta situación, o líder nacionalista urxiu a necesidade de “frear un decreto que é lesivo para Galiza, segundo ten admitido a propia Xunta e o señor Feijóo”.
Guillerme Vázquez insistiu na esixencia á Xunta da necesidade de presentar recurso contra este texto e criticou que o goberno do Estado vaia “utilizar cartos públicos para privatizar e non o faga para manter unha fórmula, a da caixa como entidade social, que deu resultado para o desenvolvemento da economía galega”.
Roubo masivo
Pola súa parte, o secretario Xxral da CIG, Suso Seixo, cualificou a actuación do goberno estatal como un “ataque masivo, un roubo masivo ao patrimonio público, propio de Alí Babá e os 40 ladróns, co gobernador do Banco de España como mercenario”.
O dirixente da CIG indicou que hoxe mesmo o sindicato nacionalista mantivo un encontro coa directiva de NovaCaixaGalicia para analizar a situación á que se están a enfrontar, ao tempo que indicou que “é fundamental manter o debate e a mobilización social para frear esta tentativa de bancarización”. “É difícil falar de autogoberno se non hai un sistema económico que o respalde”.