O BNG rexistra no Parlamento perto de 14.000 sinaturas para reclamar a supresión do canon da Lei de Augas

Guillerme Vázquez reclama ao PP a derrogación da norma e afirma que o goberno do PP “balbucea excusas ante a presión do BNG e a súa campaña informativa”

Santiago de Compostela, 16 Febreiro 2011. Unha delegación do BNG, encabezada polo portavoz nacional, Guillerme Vázquez, entregou esta mañá no rexistro do Parlamento de Galiza preto de 14.000 sinaturas en demanda da derrogación da Lei de Augas.

O portavoz nacional estivo acompañado pola secretaria de Organización, Montse Prado, a portavoz parlamentar de Medio Ambiente, Isabel Sánchez; Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra; Rubén Cela, candidato á alcaldía de Santiago; Adolfo Muíños, concelleiro do BNG e candidato á alcaldía de Rianxo; Matías da Torre, portavoz municipal de Silleda; Anabel Gulías, candidata á alcaldía de Forcarei; Raquel López Doce, portavoz municipal e tenenta de alcalde da Estrada; Secundino García, alcalde de San Sadurniño; Francisco da Silva, candidato á alcaldía das Pontes; Gonzalo Castro, portavoz municipal e candidato á alcaldía de Ordes; Xosé María Pérez, portavoz municipal de Frades; Fernando Herrero, portavoz en Soutomaior; Xoán Blanco, portavoz en Vila de Cruces, e Martiño Noriega, alcalde de Teo.

Na rolda de prensa posterior á entrega de sinaturas, Guillerme instou ao goberno da Xunta a “retirar a lei para que non quede dúbida ningunha”, logo de que o conselleiro Agustín Hernández asegurase que mentres el estivese no cargo non se ía facer efectivo o cobro do canon.

A única consecuencia da lei será que o prezo da factura aumentará de xeito considerábel para os consumidoresClamor social

O líder nacionalista afirmou que “non ten sentido que o PP aprobe unha lei e logo fagan afirmacións do tenor de que mentres eu sexa conselleiro non se aplicará. Por que alcaldes do PP sacan bandos ou notas de prensa dicindo que están contra a lei de Augas? Como se pode estar en contra de algo que agora o PP di que non existe na realidade?”

“Existe un clamor social contra a Lei de Augas. Hai unha forma moi sinxela de resolver as inquedanzas da xente. Simplesmente o goberno ten que suprimir o canon. Con suprimilo, arreglan”, enfatizou.

Tal e como indicou o líder do BNG, “o que sucede é que o PP balbucea excusas de mal pagador porque acusa o golpe da campaña informativa que o BNG está a desenvolver por todos os concellos do país, con máis de duascentas charlas até este momento”.

“Nós seguiremos explicando o que supón esta lei”, continuou Guillerme, “e o PP ten unha ocasión de ouro de suprimir este canon inxusto” e indicou que “se trata dunha lei cun afán fondamente recadatorio que non pretende racionalizar o consumo nin ten en conta que o subministro público non existe en moitas zonas do país e a lei grava pozos privados e traídas veciñais”.

O BNG presentará no Parlamento iniciativas para derrogar a leiGuillerme lembrou que a única consecuencia evidente da lei será que “o prezo da factura aumentará de xeito considerábel para os consumidores e, pola contra, os grandes consumidores quedan como estaban”, tal e como apuntou o portavoz nacional, “a Xunta pretende cobrar pola auga dos pozos”.

Iniciativas do BNG

A portavoz de Medio Ambiente do grupo parlamentar do BNG, Isabel Sánchez, explicou o labor parlamentar feito ao respeito deste tema e anunciou que o Bloque vai presentar tamén unha proposición non de lei e unha proposición de lei para a modificación da norma da Xunta.

A campaña de recollida de sinaturas e de charlas ao longo e ancho do País vai continuar até que a Xunta retire a lei“Rexeitamos a Lei de Augas porque supón a creación dun imposto directo”, continuou a deputada, “o PP aproba en solitario a Lei de Augas e logo o conselleiro Agustín Hernández di que se nega a a aplicar o canon despois de levar meses dicindo que o BNG mentía ao dicir que se ía ter que pagar polas captacións propias”.

“Minten unha vez máis” afirmou a deputada, “e poñen novas excusas até que pasen as eleccións municipais”.

8000 persoas e 200 charlas

A campaña informativa do BNG vai continuar ao longo dos vindeiros meses con máis charlas e recollida de sinaturas. Cómpre salientar que, até o momento, celebráronse 200 charlas ás que asistiron preto de 8000 persoas.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]