Artigo de opinión de Xosé Anxo Laxe sobre o intento de privatización da caixa galega
Santiago de Compostela, 3 Febreiro 2011.- De seguido ofrecémosvos un artigo de opinión do portavoz do BNG no concello de Lugo, Xosé Anxo Laxe, sobre a necesidade de defender o futuro da caixa galega.
AS CAIXAS EN PERIGO
Ao tempo que se está a iniciar a andaina da nova caixa de aforros galega, logo de acometer un proceso de integración que conta cun alto grado de consenso dos axentes sociais de Galiza, o Goberno Central vén de formular unha proposta de reforma do sistema financeiro que avanza cara a privatización das caixas de aforro e implica unha mudanza substancial de dito proceso abocando a Novacaixagalicia a transformarse nun banco privado.
"A creación de Novacaixagalicia é victoria de todo o pobo galego, mais é unha victoria tamén do Bloque nacionalista Galego"A decisión do Goberno Central non ten fundamentos técnicos ou económicos, é exclusivamente política, e ten coma orixe a absoluta subordinación neste momento do Goberno do Estado aos intereses dos principais bancos, o BBVA e o Santander. Tanto o PSOE como o PP queren que as caixas desaparezan, queren convertelas en bancos e nesa estratexia están o Goberno Central e o Banco de España.
O noso país ten agora unha grande caixa galega, unha caixa forte e co centro de decisión no noso país con capacidade para competir no panorama estatal das entidades de crédito. O BNG sempre defendeu a fusión das dúas caixas galegas como solución para salvalas dunha inevitable absorción por entidades de fóra.
"Sen o impulso político do BNG a fusión non tería tido lugar"A creación de Novacaixagalicia é victoria de todo o pobo galego, mais é unha victoria tamén do Bloque Nacionalista Galego. O BNG foi a primeira forza política en posicionarse a prol da fusión das entidades de crédito galegas e foi determinante en todo este proceso e estou seguro de que sen o impulso político do BNG a fusión non tería tido lugar. Defendimos a fusión cando unha das caixas estaba a piques de ser absorbida por Caja Madrid. Mentras, as outras forzas políticas galegas gardaban silencio e consentían a adquisición das nosas caixas por entidades de fóra. Feijóo demorou catro meses en posicionarse publicamente en prol da fusión, claramente condicionado polos intereses do PP en Madrid, e o PSOE, sumido en contradicións, mantívose titubeante ata o final.
Unha grande caixa galega era a única forma de evitar que o aforro de todos os galegos e galegas non marchase para fóra e sexa investido nos nosos sectores produtivos co obxectivo de crear riqueza e emprego aquí. E finalmente Galiza resistíu o envite, as presións foráneas, os intereses personalistas e localistas e conseguíu a fuxión. Pero agora aparece unha nova ameaza.
A privatización da nova caixa galega significaría a desaparición dun sistema financeiro galego propio. Sen dúbida, constituiría unha apropiación indebida da caixa de aforros galega aos seus lexítimos propietarios, as institucións e os cidadáns de Galiza, para permitir a absorción do aforro galego polos poderes financeiros que representan os principais bancos españois.
Hai que evitar que o proceso de reestruturación das caixas de aforro galegas leve aparellada a entrada de capital privado nos seus órganos de decisión e a transformación nun banco privado. Dende logo, a función social que teñen as caixas nunca a cumpriría un banco.