Iria Aboi: "A Lei de Convivencia Escolar é unha aberración coa que retrocedemos 30 anos"

Santiago de Compostela, 2 febreiro 2011. A secretaria xeral de Galiza Nova, Iria Aboi, denuncia que o Anteproxecto de Lei de Convivencia e Participación da Comunidade Educativa que pretende aprobar de xeito unilateral a Consellaría de Educación “é unha aberración antipedagóxica coa que retrocedemos 30 anos no ensino público”.

Iria Aboi advertiu de que “a Consellaría ten unha visión deturpada da realidade a partir do programa eleitoral do PP onde se sinala que o ensino galego é un campo de batalla”.

Os expedientes ao alumnado non chegan nin ao 0,3%

Pola contra, lembrou que “a media de expedientes ao alumnado galego non chega nin ao 0,3%, polo cremos que non hai motivos que xustifiquen esta lei”.

A secretaria xeral de Galiza Nova advertiu de que “o que se pretende o Goberno de Feijoo é crear alarma na opinión pública sobre a necesidade de lexislar nesta cuestión para implantar o modelo que o PP implantou na Comunidade de Madrid e do que esta lei é un corta e pega”.

“A mellora da convivencia non virá pola vía das sancións”

Neste sentido, Iria Aboi denunciou que o anteproxecto da Consellaría de Educación “é un texto cun claro contido represor contra o alumnado que contenta aos sectores máis duros do PP”.

A este respeito, subliñou que “a convivencia e a resolución de conflitos escolares non virá pola vía do aumento sancións, reforzo da autoridade do profesor ou co medo que se xere aos estudantes”

Pola contra, asegurou que “a correcta convivencia virá pola vía do investimento educativo e formativo, no impulso de labores de mediación, polo aumento de recursos dedicados á orientación escolar e atención á diversidade”.

“Unha aberración antipedagóxica coa que retrocedemos 30 anos”

Neste sentido, a secretaria xeral de Galiza Nova denunciou que “este proxecto é unha aberración antipedagóxica”. “Custou moito -advertiu- instaurar no ensino valores educativos, pedagóxicos, da comunicación, da negociación, pois viñamos dun período anterior á democracia escuro en moitos aspectos, tamén no educativo, e con este anteproxecto, volvemos atrás no tempo e retrocedemos 30 anos, rescatando conceptos reaccionarios e desfasados e volvendo a unha perspectiva represora da educación”.

Pretende dar cobertura legal ao retroceso do galego no ensino

Ademais, Iria Aboi criticou que este anteproxecto “pretende dar cobertura legal á consulta fraudulenta ás familias sobre a lingua vehicular no ensino para que o galego retroceda no ensino”.

A este respeito, lembrou que a normalización do galego no ensino é unha obriga da administración galega e advertiu que “non vemos o mesmo interese no PP en preguntarlle aos pais e nais porqué cada ano a Consellaría de Educación destina o 11% do seu orzamento, uns 250 millóns de euros de recursos públicos a subvencionar o ensino privado e concertado”.

Retirada do texto e apertura dun proceso de negociación

Por último, a secretaria xeral de Galiza Nova lembrou que “o texto obedece a unha imposición da Consellaría, polo que se quere escoitar a pais e nais, alumnado e profesorado debería o PP comezar por retirar este anteproxecto como lle demandou o Consello Escolar de Galiza”.

“A comunidade educativa pide que se retire o texto para abrir un proceso de diálogo e participación real”, subliñou.

Ante esta situación, Iria Aboi asegurou que “dende Galiza Nova imos traballar coa comunidade educativa pola retirada deste anteproxecto, informado especialmente aos estudantes, polo que faremos aproximadamente 100 asembleas de estudantes co obxectivo de recabar apoios”.

Advertiu de que “non descartamos mobilizacións se o PP desoe o clamor da comunidade educativa e retira o anteproxecto”.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]