Guillerme denuncia que "a reforma das pensións é unha puñalada aos sectores máis febles da sociedade"

Santiago de Compostela, 17 xaneiro 2011.- Unha delegación do BNG, encabezada polo portavoz nacional, Guillerme Vázquez, reuniuse hoxe coa dirección da CIG para analizar a contrarreforma das pensións. Neste sentido, o BNG transmitiulle ao sindicato nacionalista o total apoio á convocatoria de folga xeral en Galiza do 27 de xaneiro para frear esta medida.

Nesta reunión na Sede Nacional do BN participaron por parte CIG, Suso Seixo, Secretario Xeral ; Elvira Patiño, Secretaria de Organización; Ramiro Oubiña, Secretario de Finanzas e Servizos e Manuel Currás, secretario Institucional. Por parte do BNG, Guillerme Vázquez, portavoz nacional; Montse Prado, Secretaria de Organización; Carlos Aymerich, Secretario de Acción Institucional no Parlamento Galego e Rafa Vilar, Secretario de Acción Social.

“A contrarreforma das pensións terá consecuencias máis negativas en Galiza”

O portavoz nacional do BNG alertou na rolda de prensa posterior de que “estamos diante dunha nova agresión aos dereitos básicos dos cidadáns cun retallamento significativo das pensións públicas que vai ter máis repercusión na Galiza, onde xa temos pensións máis baixas que no conxunto do Estado e onde hai un maior número de pensionistas”.

Neste sentido, Guillerme denunciou que este recorte “está apoiado con maior ou menor disimulo polo PP” e atribuíno “a políticas ditadas polos amos das finanzas e, polo tanto, están dirixidas a seguir mantendo os seus beneficios pero non a solucionar ningún problema social nin a crise”.

“Hai que ter corazón de pedra para pensar en retallar aínda máis as pensións”

“Hai que ter corazón de pedra para retallar aínda máis as pensións”, denunciou.
Ademais, o portavoz nacional do BNG subliñou que “non hai maneira de xustificar tecnicamente a necesidade desta reforma das pensións, máis alá de chorradas teóricas a cerca de non se sabe que evolucións da demografía”.

A este respeito lembrou que no 2010 “un ano co 20% de paro, porén a a Seguridade Social segue a ter superávit”. “Entón, que escenario nos están tratando de visualizar os chorras teóricos da defensa desta reforma? Do 50, do 60% de paro?” preguntouse.

Ante esta situación, o portavoz nacional afirmou que “no BNG nin nos resignamos nin nos calamos, e o BNG apoiará esa convocatoria de folga e as mobilizacións e por suposto desenvolveremos unha campaña de explicación para intentar chegar ao maior número de cidadáns de Galiza”.

“Non hai xustificación ningunha para seguir metendo puñaladas nas costas dos sectores máis débiles desta sociedade”, concluíu.

Coa reforma do Goberno as pensións futuras recortaríanse entre un 20 e un 25%

Pola súa parte, o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, agradeceu as posturas mantidas polo BNG na defensa do sistema público de pensións no marco da Comisión do Pacto de Toledo do Congreso dos Deputados.

En canto á contrarreforma das pensións, reiterou que “non ten ningunha xustificación técnica e tampouco ten nada que ver coa crise económica”.

Pola contra, Suso Seixo salientou que a mellora e viabilidade da seguridade social “ten moito que ver cos salarios e co que cotizamos, coa incorporación da muller ao mercado laboral, co incremento do número de traballadores e redución do paro ou coa loita contra a economía en negro, pero non aumentar a idade de xubilación e rebaixar as pensións”, unha rebaixa que coa proposta do Goberno situaríase entre un 20 e un 25% menos.

“O único obxectivo da reforma é beneficiar á banca para que a xente se pase ás pensións privadas”

O secretario xeral da CIG denunciou que “a reforma das pensións é algo que se monta baseado en falsidades e o único que persegue é rebaixar a contía das pensións”. “Quérese transmitir a idea de que o sistema público de pensións só garantirá unhas pensións mínimas e , polo tanto, para ter unha pensión digna, hai que aforrar e pagar pensións privadas” engadiu.

“E isto -advertiu- só lle interesa á banca, e o Goberno do PSOE está totalmente condicionado pola banca”.

Diálogo social Goberno-sindicatos: están preparando o envoltorio para vender a reforma das pensións

Respecto ao proceso de diálogo entre os sindicatos CCOO e UXT e o Goberno, Suso Seixo recoñeceu que “non sei o que lles deu o Goberno, pero pregúntome: que queren sacar dunha negociación na que van nunha actitude de submisión e desmobilización?, que concesións lle vai facer a patronal e o goberno?”. “Só poderás conseguir algo -subliñou- se chegas con presión, e obrigar ao goberno e patronal a ceder algo”.

Ante esta situación, o secretario xeral da CIG advertiu de que “o que están é preparando un envoltorio co que nos van vender un paquete no que o goberno vai poder colar a reforma das pensións a cambio de pequenas concesións que logo é moi difícil que se plasmen na práctica”.

“Non hai máis que ver os pactos coa Xunta polo diálogo social e ver en que se quedou, en que mellorou o emprego e os servizos públicos en Galiza”.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]