A Cidade da Cultura que queremos

Rubén Cela

O encabezamento deste artigo é o mesmo que empregou o BNG en decembro de 1999 para dar a coñecer a súa postura sobre un proxecto, o da Cidade da Cultura, que daquela non era máis que a improvisación dunha das persoas menos claras e brillantes dos goberno de Manuel Fraga e unha maqueta resultado dun cuestionado concurso de ideas.

Diciamos daquela que esta actuación tiña que nacer do consenso político e social. Consenso entre partidos para evitar someter un proxecto nacional ás tensións propias da actividade política. Consenso territorial porque ese investimento non debía facerse a costa doutras necesidades perentorias existentes en Galiza. Consenso social para comprometer aos creadores e ás institucións representativas na súa construción efectiva. Defendemos que debía sustentarse nun proxecto cultural previo que potenciara a creatividade tan intensa e rica de Galiza, que proxectara un diálogo da cultura galega co resto do mundo, que cubrira necesidades de novas infraestruturas sen duplicar as existentes e que actuara como foco adicional de atracción turística con efectos beneficiosos para o país.

Estas ideas conservan hoxe toda a súa validez porque once anos despois é evidente que non se cumpriron. Desde o cambio de goberno o proxecto entrou nunha nova fase de opacidade, indefinición e de toma de decisións improvisadas. En dous anos todos os anuncios foron negativos: non haberá Centro de arte internacional, nin museo de nenos, non construirán os accesos (hoxe nin hai sinalización) e abandonarán, sen alternativa, a posibilidade de crear un proxecto cultural coherente ao servizo da cultura galega, froito do diálogo e da participación.

Agardamos a comparecencia do Presidente da Xunta, negada ata hoxe, para explicar o custe final da obra, que pasou dos 108 millóns de euros anunciados por Fraga en 1999 aos 476 calculados na pasada lexislatura. Tamén agardamos que aclare os novos usos pero sobre todo que acabe co escurantismo e coa ausencia da nosa cultura e identidade no proxecto.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]