Guillerme: "O Goberno estatal cumpre coas eléctricas subindo as facturas, pero non cumpre con Galiza"

O portavoz nacional lamenta que o goberno do Estado “cumpra coas eléctricas subindo o prezo do consumo e non cumpra con Galiza”

Santiago de Compostela, 13 Xaneiro 2011. O portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego, Guillerme Vázquez, esixiu esta mañá en rolda de prensa ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que, en relación ao decreto do carbón, adopte unha “posición activa en defensa dos intereses de Galiza, en lugar dunha actuación puramente formal porque é a obriga do presidente do Goberno galego pór os intereses de Galiza por riba da obediencia ao seu grupo político e da connivencia coas empresas”.

O líder nacionalista asegurou que, para o BNG, a decisión tomada polo Goberno no decreto do carbón é “inaceptábel” e, por iso, “seguiremos cumprindo coa nosa obriga e ante o abandono dos intereses do país só nos queda seguir demandando que se non se materialice este decreto que, de acordo con estimacións da propia Xunta de Galiza, suporá a desaparición de uns 3.200 postos de traballo e segundo distintos estudos significará a contracción do PIB galego nun mínimo de 1.000 millóns de euros”.

Guillerme Vázquez insistiu en que “non se trata dunha cuestión menor”, polo que criticou duramente a “posición estrictamente formal, non activa” do presidente da Xunta” nun momento en que o Tribunal Superior de Xustiza desestimou o recurso contra o decreto e levantou as medidas cautelares e a Audiencia Nacional tense pronunciado no mesmo sentido. Só fica agora por pronunciarse o Tribunal de Luxemburgo, que todo apunta, segundo Guillerme, que acabará por dar luz verde definitiva ao decreto. “Lembremos que xa contou co plácet da propia Comisión Europea”, engadiu.

O portavoz nacional lamentou que tampouco o Goberno do Estado estea a actuar como debería e indicou que “o Goberno xustifica parte da suba do recibo da electricidade como consecuencia da aplicación do decreto do carbón, xa que, segundo aseguran, o 30% desa suba estaría destinado a compensar ás empresas eléctricas”. Xa que logo, segundo criticou o portavoz nacional, “o Goberno do Estado cumpre coas eléctricas e non cumpre con Galiza”.

“Non podemos permitirnos o luxo de que se consume esta decisión”, concluíu Guillerme Vázquez.

O líder do BNG enfatizou que Galiza non pode ser a pagana da aplicación do decreto. “Non pode ser que por enriba de termos que soportar o incremento nun 9,8% da tarifa da luz e de perdermos máis de 3.000 postos de traballo vaiamos ter as nosas centrais térmicas paradas mentres as comarcas mineiras do resto do estado sí van continuar producindo. Continuamos a defender o dereito a vivir e a traballarmos na nosa terra”.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]