Guillerme denuncia que "en mans do PP a Cidade da Cultura converteuse nun símbolo do despilfarro e do desprezo por Galiza"

Santiago de Compostela, 11 xaneiro 2011. O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, denunciou hoxe que “en mans do PP a Cidade da Cultura converteuse nun símbolo de despilfarro de fondos públicos nun momento de crise e de desprezo pola cultura galega”.

Guillerme explicou esta mañá en rolda de prensa que o BNG non asistiu hoxe aos actos de inauguración da Cidade da Cultura “porque estamos diante dunha actuación que significa o despilfarro de fondos públicos nun momento moi difícil, e de desprezo absoluto pola cultura galega e desorientación dun Goberno do PP que non ten un proxecto claro para Galiza”.

“Uns fastos para a inauguración absolutamente prescindíbeis”

Ademais, Guillerme criticou “os fastos da inauguración, perfectamente prescindíbeis, máis se cabe nun momento de restrición orzamentaria total, onde non hai un peso para apoiar aos sectores máis febles da nosa sociedade”.

Pola contra, o portavoz nacional do BNG defendeu que “neste momento para o señor Feijoo a prioridade debería ser o combate ao desemprego, que é a principal preocupación en Galiza, onde temos máis de 237.000 persoas en paro”.

Ana Pontón: “Co Goberno de Feijoo volveu a ocultación á sociedade galega”

Na mesma liña, a portavoz de Cultura do Grupo Parlamentar do BNG, Ana Pontón, lembrou que “estamos case chegando ao ecuador desta lexislatura e é facilmente comprobábel ver como en case dous anos o PP nin nunha soa ocasión remitiu ningún tipo de información ao Parlamento Galego sobre cal vai ser o ritmo de execución das obras, se se paraliza ou non a construción dos edificios pendentes”.

Do mesmo xeito, criticou que “o Goberno de Feijoo negouse a dar un debate en sé parlamentar sobre cal vai ser o contido da Cidade da Cultura e polo tanto cal vai ser a súa utilidade para o pobo galego”.

“Desde que volve o PP á Xunta de Galiza volve o silencio e a ocultación á sociedade e ao Parlamento de todo o que ten que ver coa Cidade da Cultura”, denunciou.

Ademais, Ana Pontón advertiu de que “na orientación do Goberno do PP hai un menosprezo á cultura galego e aos nosos creadores e creadoras na Cidade da Cultura”. Así, asegurou que “as actuación do PP van desde eliminar o adxectivo de nacional do arquivo e da biblioteca a inaugurar hoxe cunha exposición dunha fotógrafa foránea, como se non tivésemos fotógrafos en Galiza para protagonizar esa exposición”.

Un dobre despilfarro de fondos públicos

Polo tanto, para a deputada do BNG “hai unha intención do Goberno do PP de eliminar calquera traza galega da Cidade da Cultura e de facer un sucedáneo cultural nestes edificios”.

Ana Pontón, concluíu advertindo de que “isto é un dobre despilfarro, xa que a xustificación que pode ter seguir adiante coa Cidade da Cultura nun momento de crise económica é se se vai poñer ao servizo da posta en valor da nosa cultura, de cubrir os baleiros no terreo cultural e que sexa un elemento de internacionalización cultural dos nosos creadores e creadoras”.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]