Guillerme anuncia que o BNG apoiará as mobilizacións contra o "pensionazo"

Santiago de Compostela, 30 decembro 2010. O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, anunciou hoxe que “o BNG apoiará as mobilizacións, e por suposto a da CIG, contra a reforma das pensións que quere levar adiante o Goberno do PSOE co apoio do PP”.

Unha delegación da Executiva do BNG recibiu esta mañá a unha representación da Executiva de Comisións Obreiras de Galiza e da Federación de Pensionistas do sindicato, una reunión na que o sindicato entregou un documento coa súa postura e na que se constatou un elevado grao de coincidencia na necesidade de frear a contrarreforma das pensións.

“O BNG móllase: hai que frear en seco estas políticas”

Na rolda de prensa posterior, Guillerme anunciou que “no BNG defenderemos con uñas en dentes o sistema público de pensións, faremos unha campaña de información e apoiaremos as mobilizacións que vaian dirixidas a enfrontarse a este tipo de propostas”.

“Estamos dispostos a mollarnos -subliñou- porque xa está ben, hai que frear en seco estas políticas, nas que o Goberno socialista fai a política da dereita e o PP limítase a facer política”.

“As medidas do Goberno non son valentes, son unha covardía”

Ademais, e en resposta ás consignas do Goberno de que o pensionazo é unha medida valente e necesaria, o portavoz nacional do BNG asegurou que “habería que preguntarse que ten de valente retallar os dereitos sociais das maiorías sociais máis desprotexidas”.

Pola contra, subliñou que “si sería valente oporse á especulación, ao gran capital, buscar o equilibro social”. “Isto -denunciou- é simplemente covardía e facer dos gobernos auténticas xestorías dos desexos do gran capital, e que non responde aos desexos da maioría que os pon precisamente aí”.

Unha contrarreforma inxusta e especialmente lesiva para Galiza

Guillerme lembrou que “no BNG cremos que esta contrarreforma nin é xustificada nin xustificábel: nin baixar as pensións aumentando o período de cálculo nin aumentando a idade de xubilación aos 67 anos”.

Neste sentido, advertiu de que para xustificar esta reforma “utilízanse argumentos falsos, como o descenso da natalidade”. A iso contrapuxo que “neste momento a Seguridade Social ten un superávit duns 65.000 millóns de euros e aínda segue tendo superávit malia o 20% de paro” ou que o Estado español está por baixo da media da Unión Europea en gasto en pensións sobre o PIB. Asegurou que “o sistema manterase en función do número de traballadores e traballadoras que haxa en cada momento e das súas cotizacións”.

Por iso, denunciou que detrás desta reforma “non hai argumentos técnicos, senón ideolóxicos: retallar o gasto social e fomentar os fondos privados de pensións”.

Ademais, advertiu de que “en Galiza terá un impacto moito maior, porque temos as pensións máis baixas e unha proporción de pensionistas máis elevada”.

Guillerme concluíu lembrando que “para o BNG é imprescindíbel e necesario manter o sistema público de pensións porque é o único que pode garantir o pagamento das pensións no futuro”. “Non se garanten as pensións a través dos fondos privados e da banca, abonda con ver o que está sucedendo neste momento”, advertiu.

Comisións Obreiras: 99% de coincidencia

Pola súa parte, o secretario xeral da Federación de Pensionistas de Comisións Obreiras, José Manuel Díaz, asegurou compartir “ao 99%” as declaracións do portavoz nacional do BNG.

Asemade, e para facerlle fronte á contrarreforma das pensións asegurou que “CCOO non descarta ningunha medida, incluída a folga xeral”.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]