Representantes políticos e deportivos esíxenlle á Xunta de Galiza que apoie ás selección deportivas nacionais galegas

Santiago de Compostela, 28 de decembro 2010.- Os concelleiros de Deportes de Vigo, A Coruña, Ourense e Pontevedra, así como os tenentes de alcalde de Ourense e Vigo, apoiaron esta tarde en Santiago de Compostela o acto da Plataforma polas Seleccións Deportivas Nacionais Galegas.

Ao acto acudiron representantes das federacións galegas de fútbol, taekwondo ou triatlón, entre outros, quenes suscribiron un manifesto no que se lle demanda ao Goberno da Xunta de Galiza que apoie as seleccións deportivas nacionais galegas.

O portavoz de Deportes do BNG no Parlamento Galego, Alfredo Suárez Canal, subliñou que estas seleccións "son un fenómeno de cohesión social, de promoción da identidade galega e que, ao final, redundan positivamente no benestar colectivo".

Neste sentido, subliñou que Galiza "precisa especialmente de seleccións nacionais para potendiar a cohesión e a nosa identidade colectiva, tanto tempo reprimida".

Por último, subliñou que "non se trata dunha cuestión monetaria, porque o apoio institucional non ten que ser gravoso para o erario público e si repercute nun fenómeno de cohesión social moi importante".

A continuación, leu o manifesto o presidente da Federación Galega de Triatlón, Francisco Villanueva:

MANIFESTO

As organizacións e persoas que nos achegamos en réxime de autoconvocatoria a este Acto, queremos reivindicar a existencia das Seleccións Deportivas Nacionais Femininas e Masculinas de Galiza como un feito de normalización deportiva. Despois da exitosa implantación das Seleccións Deportivas Nacionais Galegas, unha vella demanda da sociedade galega, baixo a dirección das anteriores autoridades deportivas da Xunta de Galiza no periodo 2005 ao 2008, co novo goberno da Xunta de Galiza xurdido no ano 2009, desapareceu a iniciativa nestas datas, nomeadamente as seleccións de fútbol feminina e masculina, da organización de encontros internacionais de ampla repercusión social e mediática. Unha teimuda actitude dos responsabeis políticos deportivos actuais do goberno galego de secuestrar a vontade popular, amosada nos distintos eventos organizados cun éxito amplamente acadado e a posibilidade de que os nosos e nosas deportistas tiveran a oportunidade de defender a nosa camiseta nacional, asi como ás e os siareiros facerse partícipes de expresións positivas de representación galega fronte a combinados doutros países. Unha vez máis o retorno ao tunel do esquecemento, da nosa identidade nacional deportiva ao que se nos foi relegado durante décadas.

O deporte como factor de cohesión social, autoestima colectiva, orgullo da súa representación polos deportistas, mulleres e homes, que neses catro anos (2005-2008) encetou unha xeira de normalidade deportiva, non pode cair na ocultación baixo o paraugas da indiferencia, ou pior, mesmo da actitude de auto-ódio boicoteadora das autoridades deportivas actuais da Xunta de Galiza, pois elo expresa, en esencia, a negación da nosa existencia e cercena as múltiples posibilidades de amosar o extraordinario vencello do deporte, os anceios de expresión e unidade colectiva das galegas e galegos.

Parabéns ao esforzo por manter a actividade e a participación de diferentes Seleccións Deportivas Nacionais, que veñen desenvolvendo algunhas Federacións Deportivas Galegas.

Por todo elo, as organizacións e persoas hoxe representadas EXIXIMOS do poder político, é dicer, o goberno galego da Xunta de Galiza, políticas executivas inmediatas para que as Seleccións Deportivas Nacionais Femininas e Masculinas de Galiza poidan desenvolver as súas actividades con total apoio e colaboración ao máximo nivel.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]