Guillerme denuncia que o pacto PSOE-PP quitaralle aos pensionistas galegos case 230 millóns ao ano

Santiago de Compostela, 17 de decembro 2010.- O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, denunciou esta mañá en rolda de prensa que o pacto PP-PSOE sobre a reforma das pensións “quitaralle ás e aos pensionistas galegos case 230 millóns de euros ao ao, facendo diminuír a pensión media en 500 euros anuais”.

Guillerme criticou que “PSOE e PP están de acordo en aumentar o período de cálculo para a pensión e, posibelmente tamén, en aumentar a idade de xubilación”.

Unha rebaixa especialmente prexudicial para Galiza

Neste sentido, o portavoz nacional do BNG advertiu de que “esta rebaixa das pensións terá unha repercusión aínda máis negativa na Galiza, pois a pensión media no noso país está por debaixo da media estatal e porque a taxa de avellentamento relativo da nosa poboación é maior e temos máis porcentaxe de xente dependente das pensións”.

Deste xeito, a partir dos datos da Seguridade Social, Guillerme denunciou que “a pensión media na Galiza está en 730 euros, un auténtico luxazo, e de aplicarse o incremento do período de cómputo de 15 a 20 anos o recorte das pensións será dunha media de 36 euros por mes, 500 euros por ano”. “En definitiva, os pensionistas galegos deixarían de percibir 227,5 millóns de euros ao ano”, denunciou.

Recoñeceu que “os acordos definitivos entre PP e PSOE non están pechados, pero todas as liñas apuntan ao peor dos escenarios”.

O BNG contra o aumento da idade de xubilación

En canto ao incremento da idade de xubilación aos 67 anos, Guillerme asegurou que “ao BNG parécenos que esa decisión vai xustamente na dirección contraria a calquera proposta racional, non só porque dificultará aínda máis o acceso ao traballo da xente moza senón que, francamente, dicir que xente que traballa en profesións penosas teña que seguir traballando máis anos non deixa de ser unha burla”.

“Unha reforma para favorecer os fondos privados, que non garanten as pensións”

Por iso, Guillerme denunciou que “son medidas inxustificábeis, inxustas e irracionais, dirixidas exclusivamente a satisfacer as apetencias dos mercados e a favorecer os fondos privados de pensións”.

A este respeito, advertiu “a aqueles que nos están dicindo que vía fondos privados de pensións no futuro as podemos cobrar, que se pregunten que garantías da a banca privada para cobralas”. “Abonda o que aconteceu nos últimos anos para ver que ningunha garantía dan os fondos privados de cobrar as pensións; o único sistema que o garante é o sistema público de pensións”, subliñou.

O BNG chama á mobilización social

Ante esta situación, o portavoz nacional do BNG fixo un chamamento “á mobilización social fronte a este novo retallamento e, dende logo imos participar en todas as accións dirixidas a frear esta nova medida de recorte que atenta contra os dereitos básicos de millóns de persoas, o dereito a ter unha xubilación mínimamente digna e vivir con dignidade os últimos anos de vida”.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]