Guillerme cualifica de "estafa política" a reedición do pacto do Obradoiro e acusa a Feijóo de "enrugarse" diante do Goberno do Estado

O líder do BNG denuncia que a privatización das obras suporá un sobrecuste de 1.400 ME que pagaremos todos

Santiago de Compostela 14 Decembro, 2010. O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, cualificou esta mañá en rolda de prensa de “estafa política” e “engano masivo” a reedición onte do chamado pacto do Obradoiro por parte de Alberto Núñez Feijóo e José Blanco.

O líder nacionalista asegurou que o que fixeron o presidente da Xunta e o ministro de Fomento foi “volver escenificar a fraude sobre o cumprimento dos compromisos en materia de infraestruturas” e lembrou que “todas as promesas seguen sen cumprir, levounas o vento”.

Tal e como lembrou Guillerme Vázquez, na comisión de seguemento do pacto que se celebrou en febreiro, o ministro de Fomento afirmaba que se executarían uns 3.000 ME e non foi así. “O compromiso era licitar entre 2009 e 2010 4.600 ME para o ferrocarril galego e agora falan de 6.000 millóns de euros, polo que vai haber un sobrecuste de 1.400 millóns que van servir para que as empresas gañen aínda máis”.

O portavoz nacional culpou de xeito directo ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, do que afirmou que “actúa en Galiza coma o galo no galiñeiro e logo enrúgase diante do goberno do Estado”.

O presidente da Xunta, tal e como indicou o número un do BNG “non exerce como presidente do país e, pola contra, acepta o que lle di o goberno do Estado sabendo que é falso”.

Dende o BNG, tal e como indicou o seu líder “non estamos dispostos a calar” e asegurou que, malia todo, “sabemos que quedaremos sós, pero manterémonos firmes dicindo a verdade. Era evidente que o que dixemos no seu día, cando se asinou aquel pacto era verdade e hoxe convertiuse en realidade”.

O número un do nacionalismo galego laiouse de que o presidente galego acepte un “sistema tramposo” como o imposto polo ministerio para financiar as obras porque “o sobrecuste servirá para que a empresa privada obteña máis beneficios e iso pagámolo todos e todas”.
Guillerme ubicou esta decisión na deriva privatizadora do Estado, ao tempo que reafirmou a evidencia dun “pacto PP-PSOE para seguir con este engano”.

Críticas a “Pachi” Vázquez

En resposta ás perguntas dos xornalistas, Guillerme Vázquez criticou duramente as declaracións do secretario xeral dos socialistas, Manuel “Pachi” Vázquez, quen afirmou onte que “igual se nos foi a man creando tanto estado de benestar”.

En opinión do portavoz nacional, “é tremendo que unha persoa que presume de socialista faga unha afirmación coma ésa e máis aínda no estado español e máis aínda na Galiza. Hai que botarlle valor para dicer isto cando o estado de benestar foi o que foi no Estado español e no caso galego xa é de escándalo porque xa saben que nadamos na abundancia”, ironizou.

“Algúns están en vías de perda de identidade e acaban dicindo estas cousas”, lamentou o portavoz nacional

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]