Guillerme denuncia que as axudas da Xunta á compra de vehículos "teñen moito de propaganda e pouco de efectividade"

Guillerme e Raquel Jabares

Culleredo, 1 de decembro 2010.- O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, denunciou hoxe que as axudas do Goberno do PP na Xunta de Galiza á compra de automóbiles “teñen moito de propaganda e pouco de efectividade para manter o emprego no sector automobilístico galego”.

En declaracións aos medios esta mañá tras realizar unha visita ao concello de Culleredo, Guillerme advertiu de que “paréceme que o señor Feijóo fai de verdade moita propaganda e con medidas escasamente efectivas por non dicir inútiles”.

O portavoz nacional subliñou que “no BNG estamos por apoiar a creación e o mantemento do emprego, tamén no sector automobilístico”.

Porén, considerou “sorprendente que estas axudas, que da o Goberno galego, e por certo non outros gobernos de Comunidades Autónomas e tampouco do Estado, non estean vinculadas ao mantemento dos postos de traballo no sector, porque non o están” .

Polo tanto, o portavoz nacional do BNG concluíu que “son medidas que teñen moito de propaganda e pouco de efectivas, e senón ao tempo”.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]