Wikileaks: Guillerme reclama a demisión dos que colaboraron coa estratexia de Estados Unidos

Culleredo, 1 de decembro 2010.- O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, defendeu que aqueles representantes da xustiza e da política española que colaboraron con Estados Unidos, tal e como se pon de manifesto nos documentos revelados por Wikileaks, para parar causas xudiciais “non só deberían dar explicacións senón presentar a súa dimisión”.

En declaracións aos medios tras realizar unha visita ao concello coruñés de Culleredo, Guillerme denunciou que “os trapos suxos que destapa Wikileaks poñen de manifesto que Estados Unidos foi quen de influír en fiscais, xuíces, políticos do Estado español para parar causas que afectaban a persoas ou intereses dos Estados Unidos, causas xudiciais como a de José Couso ou do campo de tortura de Guantánamo”.

Neste sentido, asegurou que “para o BNG isto non só esixe explicacións a fondo, porque aquí non se pode dicir que non pasou absolutamente nada, senón que se tomen medidas e que quen colaborou con que as causas xudiciais non foran para adiante deberían presentar a súa dimisión”.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]