Guillerme denuncia que "co novo concurso eólico FENOSA volve mandar en Galiza"

Santiago de Compostela, 22 Novembro 10. O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, advertiu hoxe de que o novo concurso eólico do Goberno de Feijoo “é fraudulento e unha oportunidade perdida para Galiza” e cuestionou que o 80% das empresas adxudicatarias sexan galegas, “porque abonda ver quen son os accionistas e onde teñen a súa sede fiscal”.

En primeiro lugar, Guillerme subliñou esta mañá en rolda de prensa que “a pesares da repetida mentira do PP que afirmou que existía incerteza xurídica acerca do concurso eólico anterior, o que é constatábel é que non hai ningunha resolución xudicial que avale semellante afirmación do PP”.

Polo tanto, para o portavoz nacional do BNG o único fin polo que o Goberno do PP derrogou o concurso anterior e fixo un novo “é para beneficiar a empresas amigas politicamente do PP, non hai ningún outro fin”.

Ademais, denunciou que esta actuación “sectaria e partidista de tumbar o concurso eólico anterior tivo como consecuencia a perda de, cando menos, 2.000 empregos no sector eólico galego neste atraso que levamos de máis de ano e medio”.

“Non se garante a execución dos plans industriais e, polo tanto, a creación de emprego”

En segundo lugar, Guillerme denunciou que a nova adxudicación “non garante en absoluto a efectivización dos plans industriais asociados á concesión, e si monetarizalos, o que a nós nos parece gravísimo, e iso si que é unha variación substancial a respeito do concurso anterior”.

“A partir de aí -advertiu- é evidente que queda máis que en dúbida a previsión de creación de postos de traballo que afirma o Goberno do PP que se van crear a través deste novo concurso”.

Ademais, lembrou que “o atraso ten como consecuencia a menor posibilidade de acceso ás primas da enerxía eólica que ese están a conceder polo Goberno Central, e como consecuencia disto a viabilidade dos proxectos está no aire”.

“Este concurso eólico abre a porta á especulación”

Ademais, asegurou que “para o BNG este concurso abre a espita á especulación porque non hai ningún mecanismo que impida a compra-venda de megavatios”. “Así como no concurso anterior por un lado garantíase a participación pública e por outro era obrigatorio efectivizar os plans industriais asociados, agora iso simplemente non existe”, subliñou.

Pola contra, denunciou que “o que si é verdade que con este concurso as cousas volven aos vellos tempos: unha empresa como FENOSA, que de galega xa lle queda pouco ou nada, volve dirixir a política enerxética do goberno galego, e polo tanto é a principal beneficiaria deste concurso”. “Como na época de Fraga”, denunciou.

“Gañan as empresas amigas do PP pero perde Galiza”

Polo tanto, Guillerme concluíu que “gañan empresas amigas do PP pero perde o país”. Do mesmo xeito, denunciou que “sae triturado o intento de vincular o beneficio eólico ao asentamento e desenvolvemento de sectores estratéxicos para Galiza como o lácteo ou o pesqueiro, que si se prevía no concurso anterior”.

“Perden os propietarios dos montes e ábrese a vía á expropiación forzosa”

Ademais, o portavoz nacional do BNG denunciou que “tamén perden tamén os propietarios de terreos e de montes, pois con concurso eólico anterior tiña que haber acordo entre empresas e propietarios para o asentamento dos parques, e tamén participaban os propietarios nos beneficios, e agora ábrese a vía á expropiación forzosa”.

“Non é certo que o 80% das adxudicatarias sexan galegas”

Igualmente, Guillerme negou que o 80% das adxudicatarias sexan de capital galego. “Abonda con ver cales son os capitais matrices e onde teñen a sede fiscal” afirmou.

Polo tanto, o portavoz nacional do BNG concluíu que “estamos diante dun concurso fraudulento e, o que é peor, dunha oportunidade perdida para este país: perde Galiza con este concurso”.

Ante esta situación, adiantou que “o BNG seguirá demandando explicacións a fondo por parte do goberno do PP, solicitaremos por vía parlamentar toda a documentación vinculada a este concurso e interpelamos ao Goberno do PP a que dea as explicacións que a sociedade galega merece”.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]