O BNG estivo no Foro Mundial da Educación para testemuñar a solidariedade de Galiza con Palestina

Santiago de Compostela, 8 Novembro 10. O secretario de Relacións Exteriores do BNG, Gonzalo Constenla, compareceu esta mañá na Sede Nacional para informar, en rolda de imprensa, da presenza da formación nacionalista galega no Foro Mundial da Educación, celebrado recentemetne en Palestina.

“Coa nosa presenza quixemos testemuñar a solidariedade do noso pobo coa causa da nación palestina”, afirmou Gonzalo Constenla durante un acto informativo en que estivo acompañado polo xerente da Fundación Galiza Sempre, Xabier Macías, e o analista político palestino, Fayez Khalaf.

Gonzalo Constenla visitou Palestina entre o 27 de outubro e o 1 de novembro nunha viaxe organizada por Galiza Sempre, para promover a solidariedade co pobo palestino, no marco das súas actividades internacionais de impulso ao recoñecemento dos dereitos colectivos dos pobos.

“Un dos obxectivos da visita a Palestina foi o da sensibilización da poboación galega sobre a situación que está a vivir o pobo palestino. Estamos a falar dunha nación que quer exercer un dereito humano tan elemental como é o de vivir na súa propia terra. Un pobo que se enfrenta as políticas de exterminio, asedio e acoso que desprega contra el o Estado de Israel”, sinalou Constenla

Durante a súa participación neste Foro Mundial da Educación, as distintas delegacións internacionais puideron “ter constancia de que a educación se ve mediatizada pola situación de acoso e de apartheid que está sufrindo o pobo palestino”. Así, referiuse ao “muro da vergonza” que está illando Cisxordania, territorio ocupado por Israel, “que condiciona absolutamente toda a vida palestina”, dixo.

“Hai familias divididas, queren desposuír os palestinos das súas propias terras, estanse derrubando barrios enteiros, hai unha presión tremenda e non se deixa construír para darlles esas terras aos colonos xudeus”, relatou. “Puidemos ser testemuñas de hospitais e de aldeas bombardeadas polo exército xudeu”, explicou Constenla, “por tanto, é unha situación de total asedio, destrución e holocausto dun pobo que ten dereito a existir”.

En Ramala, a capital administrativa da Cisxordania ocupada, estabeleceron relacións coas institucións locais e ofrecéronlle “a posibilidade de realizar un irmanamento con algún concello galego para manter unha relación continua no tempo”. Ademais, cursaron un convite do grupo parlamentar do BNG a unha deputada do Consello Lexislativo Palestino, “exemplo de como o pobo palestino está confinado nun cárcere en torno a un muro, aqueixada por unha enfermidade grave, que non pode ser tratada alí, para que veña a unhas xornadas de traballo en decembro para que poida contar e ser tratada da doenza grave que padece en Galiza, xa que se ve privada do dereito básico á saúde”.

Pola súa parte, Xabier Macías enmarcou esta actividade impulsada pola Fundación Galiza Sempre “na busca da solidariedade e do coñecemento doutras experiencias, na proxección internacional da nosa nación, de Galiza, e tamén na aprendizaxe doutras experiencias por todo o mundo das que o nacionalismo galego pode obter coñecementos”.

Ademais, o analista político Fayez Khalaf reclamou “a construción dun estado democrático laico na Palestina histórica para os seus cidadáns”, logo de describir a situación nestes territorios.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]