A Executiva condena o brutal ataque de Marrocos contra o acampamento de El Aaiún e pide ao Estado español que abandone a equidistancia

Santiago de Compostela, 8 Novembro 10. A Executiva Nacional do BNG tomou hoxe o acordo de condenar enerxicamente o brutal ataque de Marrocos contra o acampamento sahariano de El Aaiun, unha acción que cumpre cualificar de terrorismo de Estado.

Asemade, a Executiva Nacional do BNG pide ao Goberno español que abandone dunha vez a súa equidistancia entre Marrocos e o Sáhara e apoie sen ambigüidade o dereito de autodeterminación do pobo sahariano.

Neste sentido, cabe considerar moi desafortunadas as declaracións máis recentes realizadas a este respecto pola ministra de Asuntos Exteriores, Trinidad Jiménez, quen ten ligado en todo momento a resolución do conflito a un “acordo entre as partes”. Non é posíbel nengún acordo entre verdugos e vítimas, entre unha potencia colonial ocupante e un pobo oprimido, entre un Estado que viola sistematicamente a legalidade internacional e desrespeita as resolucións de Nacións Unidas e unha nación, a sahariana, que ve como se conculca todos os seus dereitos.

Está claro que o comportamento criminal de Marrocos non sería posíbel se Rabat non contase co silencio e cumplicidade da UE e co apoio dos Estados Unidos, poder imperial que en todo momento ten avalado a ocupación ilegal do Sáhara. E tampouco sería posíbel se o Estado español, antiga potencia ocupante, tivese honrado os seus compromisos e tivese unha atitude moito máis activa na defensa da legalidade internacional e no cumprimento das resolucións de Nacións Unidas.

O Bloque Nacionalista Galego rexistou hoxe mesmo unha petición de comparecencia do presidente do Goberno español, José Luis Rodríguez Zapatero, para que dea conta da política do Goberno a respecto do Sáhara.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]