Guillerme cualifica as declaracións do Papa de "inxerencia intolerábel" e denuncia o "fiasco de planificación e o despilfarro" do PP

Guillerme, atendendo os medios

Santiago de Compostela, 7 Novembro 10. O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, realizou unhas declaracións á Web nacional para avaliar a visita do Papa a Galiza e o papel da Xunta de Galiza na planificación, financiamento e previsión desta viaxe.

En relación ás declaracións proferidas por Bieito XVI sobre o laicismo no Estado español, o portavoz nacional do BNG cualifícaas de “inxerencia intolerábel” na vida civil. “A Igrexa non pode actuar como se tivese patente de corso para impoñer á xente normas de conduta. O maior ou menor laicismo da sociedade non o decide nengún goberno, decídeno os propios cidadáns que xa son maiorciños para decidir en que tipo de sociedade prefiren vivir. Felizmente non estamos baixo ningunha teocracia e a Igrexa non pode impoñer nada. Todo sistema de crenzas, laico ou relixioso, merece idéntico respecto. A Igrexa débelle ese respecto aos cidadáns”, afirma o líder nacionalista.

“O servilismo de Feijóo ante o Papa colócao entre o Tea Party e o nacionalcatolicismo baixo palio"
“É extraordinariamente cínico afirmar, polo demais, que o Estado español se caracteriza por ter unha atitude hostil á Igrexa católico cando neste momento a institución eclesial recibe do erario público por diversos conceitos máis de 6.000 millóns de euros ao ano”, enfatizou Guillerme.

As declaracións de Joseph Ratzinger, coas súas alusións aos anos 30 do pasado século, son, alén do máis, “verdadeiramente imprudentes”, dado “o triste papel que xogou no seu tempo a Igrexa Católica como un dos alicerces que sustentaron a ditadura franquista no Estado español”. “Todos lembramos como o ditador foi un ditador baixo palio”, salientou.

O portavoz nacional valorou tamén o papel da Xunta de Galiza na planificación da viaxe. “Aquí hai que falar de fiasco de planificación, de fiasco de previsión e de despilfarro do Goberno galego. Non deron unha. Criaron unhas espectativas desmesuradas e estabeleceron unha ligazón entre a visita e a recuperación económica. Afirmaron que virían a Galiza perto de 200.000 persoas. Xustificaron así o investimento de cuantiosos recursos públicos. Pois ben, ao cabo destinaron máis de 3 millóns de euros para encher a duras penas a Praza do Obradoiro”.

“LIGAR A RECUPERACIÓN ECONÓMICA Á VISITA DO PAPA ERA UN DESVARÍO E NÓS ADVERTÍMOLO CON MOITO TEMPO”

O BNG, salientou, vai “pedir contas” do “mal uso” dos recursos públicos destinados a financiar a viaxe. “Este fiasco é proba de que o Goberno galego antepón a súa ideoloxía reaccionaria a calquer análise minimamente obxectivo da realidade. Ligar a recuperación económica á visita do Papa era undesvarío e nós advertímolo con moito tempo”, afirma o portavoz nacional, para quen a escasa asistencia de galegas e galegos “aos fastos do Papa” demostra “que a xente non aplaude que en tempos de serios recortes dos servizos públicos esenciais se dediquen máis de 3 millóns de euros a financiar a visita dun líder relixioso”.

O comportamento do presidente do Goberno galego ante o Papa tamén mereceu un comentario ao líder do BNG. “A súa atitude foi dun enorme servilismo. Comportouse máis como un devoto ultramontano que como un responsábel político nun Estado laico. Feijóo oscilou en todo momento entre o Tea Party e o nacionalcatolicismo baixo palio”, remarca Guillerme.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]