Guillerme critica a visita de Zapatero a Afganistán e pide a inmediata retirada das tropas

Guillerme, acompañado por Carme Adán e Bieito Lobeira, foi recibido pola alcaldesa Sandra González

Tomiño, 6 Novembro, 10. O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, afirmou hoxe que “se queremos resolver a crise económica hai que empezar a diminuír o gasto militar e non o produtivo” e esixiu a “inmediata retirada das tropas españolas de Afganistán.

En alusión a visita do presidente do Goberno central a Afganistán, o portavoz do BNG afirmou que “o Estado español non pinta nada alí máis que para servir os intereses dos Estados Unidos, mantendo un gasto en tropas que están a ocupar un país como Afganistán, xusto nun momento en que se recorta o gasto en pensións”.

Aspecto da reunión con representantes dos sectores produtivos do Baixo Miño

O portavoz do BNG realizou estas declaración no transcurso da súa visita ao concello de Tomiño, acompañado pola deputada Carme Adán e os deputados Henrique Viéitez e Bieito Lobería. Nesa vila do Baixo Miño mantiveron diversas xuntanzas con representantes dos sectores económicos da comarca.

Guillerme Vázquez e a delegación do BNG foron obxecto dunha recepción institucional ofrecida pola Alcaldesa de Tomiño, a nacionalista Sandra González, e cargos municipais.

POLÍTICAS TRANSFORMADORAS EN TOMIÑO

Trala recepción institucional, o Portavoz nacional do BNG salientou a “grande transformación do concello de Tomiño no período de gobernación de Sandra González” e destacou entre outras iniciativas , o impulso municipal para a realización do parque empresarial”.

Guillerme Vázquez tamén se reuniu cos representantes do comercio, empresas, pescadores do Miño e mariñeiros da Guarda cos que coincidiu na diagnose económica considerando que “urxe un cambio de rumbo nas políticas económicas do Estado e da Xunta de Galiza que están a ser tan negativas” e criticou que a factura da crise a estean a pagar en solitario os traballadores e as clases menos favorecidas como a mocidade e os pensionistas.

Asemade, reiterou que “ Galiza debe poder producir e neste momento –dixo-, estase cercenando a nosa capacidade produtiva” e a saída da crise económica non pode ser a costa “ das pequenas e medianas empresas e autónomos” mentres os grandes especuladores financeiros gañan cada día máis”.

POLÍTICAS ACTIVAS DE EMPREGO DESDE OS CONCELLOS

Pola súa parte a Alcaldesa de Tomiño, Sandra González incidiu na necesidade de dispoñer de “bases produtivas sólidas para crear riqueza dunha maneira realista e duradeira” e avanzou que dende o concello que dirixe, “seguiremos apostando por políticas activas para a formación e creación de emprego” e ao igual que estes tres anos, -afirmou-,“manteremos un considerable nivel de investimento en proxectos públicos”.

Sandra González rematou a súa intervención aludindo a unha das grandes demandas dos empresarios tomiñeses e baixomiñotos ao longo destes anos que será realidade coa construción do parque empresarial de Tomiño que ocupará o epicentro da comarca e será un importante incentivo para a dinamización económica.

A visita do portavoz nacional do BNG ao concello de Tomiño finalizou cun encontro co presidente e membros da directiva da Asociación provincial de augas.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]