O BNG non asistirá aos actos da visita do Papa "porque hai que separar Igrexa e Estado"

Santiago de Compostela, 5 Novembro 10. O Bloque Nacionalista Galego non vai ter presenza nos actos do Papa en Santiago de Compostela porque estamos ante unha visita pastoral e nun Estado laico e democraticamente avanzado hai que manter sempre unha clara liña de separación entre a Igrexa e o espazo público.

O BNG denuncia tamén que nun contexto de graves recortes sociais -que afectan a servizos esenciais como a educación ou a sanidade- o Goberno da Xunta de Galiza destine cuantiosos recursos públicos a financiar a visita dun líder relixioso.

Asemade, o BNG denuncia que o Goberno galego pon os medios de comunicación públicos -con programacións da RG e da TVG practicamente monográficas- ao servizo dunha confesión privada.

O BNG entende que se queremos afortalar a democracia e o pleno respecto aos dereitos individuais non se pode desde o ámbito público privilexiar unha confesión relixiosa sobre calquer outro sistema de crenzas. Hai que avanzar cara á un Estado laico e non dar pasos atrás, como o que acaba de anunciar o Goberno do Estado ao renunciar a promover unha lexislación sobre a relación entre o ámbito público e o relixioso.

O BNG entende tamén que algunhas declaracións e actuacións do presidente da Xunta colócano máis no papel de activista relixioso, entre o Tea Party e o nacionalcatolicismo, do que no rol que lle corresponde como xefe do Executivo nun Estado laico.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]