Carme Adán: "A visita do Papa non se debe pagar con fondos públicos, máxime cando a Xunta recorta en educación, sanidade ou loita contra a pobreza"

Santiago de Compostela, 3 de novembro 2010.- A portavoz de Turismo do BNG no Parlamento Galego, Carme Adán, asegurou hoxe nunha entrevista na TVG que o BNG non participará nos actos da visita do Papa a Santiago este sábado. Ademais, criticou que o Goberno de Feijóo na Xunta de Galiza destine fondos públicos a sufragar esta visita de carácter relixioso, “máxime cando o Goberno de Feijóo está recortando drásticamente as presupostos destinados a sanidade, educación ou á loita contra a pobreza”.

Criticamos que se financie con cartos públicos

Carme Adán subliñou que “o BNG ten unha postura moi clara: esta é unha visita pastoral e polo tanto os cartos públicos, nun momento de crise, e austeridade, non deben ser para financiar esta viaxe”. Advertiu de que o BNG preguntou no Parlamento Galego polos cartos que a Xunta destina a esta visita, que en todo caso superarán os 3 millóns de euros.

A este respeito, salientou que “a igrexa ten un patrimonio importante, riquezas considerábeis e recibe do Estado español nada menos que uns 6.000 millóns de euros ao ano, polo que ten medios suficientes para sufragar por si propia esta viaxe”.

Recoñeceu que “o Goberno en todo caso ten que garantir a seguridade da visita, como fai noutros actos públicos; pero con cartos públicos non se debe financiar unha visita pastoral, dende a nosa óptica”.

É necesaria a separación Igrexa-Estado.

A deputada do BNG advertiu que o Goberno de Feijóo detraeu dos fondos públicos da orde de 3 millóns de euros para pagar os actos da viaxe do Papa a Compostela, o que considerou que “é mesturar igrexa e poder político e supón un gasto excesivo para as contas públicas de Galiza, máxime nun momento no que o goberno galego recortou cartos para sanidade, educación ou mesmo para a pobreza”.

Preguntada sobre as relacións entre Igrexa e Estado, Carme Adán asegurou que “segundo a constitución a relación Igrexa-Estado debería ser de respecto e separando claramente o que é o poder público, da cidadanía, que se leva a cabo as través das urnas e dos gobernos elixidos, e, por outra parte, a relixión, que é do ámbito privado, das crenzas persoais”. “Evidentemente que respectamos as persoas que viven na súa fe, pero debe existir unha separación de poderes”, subliñou.

Santiago de Compostela, 3 de novembro 2010.-Neste sentido, reiterou que “no BNG entedemos que co financiamento público da viaxe pastoral de Bieito XVI a Galiza hai unha confusión entre relixión e poder público”.

Presenza da lingua galega


A respecto da utilización da lingua galega nos actos litúrxicos por parte do Papa, Carme Adán asegurou que “esperamos que o goberno de Feijoo tivera sensibilidade suficiente para facerlle chegar á igrexa e Bieito XVI que Galiza ten cultura e lingua de seu, máxime cando esta viaxe se paga con cartos de todos os galegos e galegas”.

Neste sentido, demandou que “o plurilingüismo sexa efectivo e que o galego teña o recoñecemento que se merece como lingua propia de Galiza, igual que vai ter co catalán en Cataluña”.

“Se non se expresa en galego significa que non considera a nosa lingua apta para transmitir a mensaxe relixiosa”, advertiu.

Pola contra, Adán subliñou que “no BNG entendemos que a nosa é unha lingua de comunicación válida para calquera tipo de mensaxe; nesta Terra hai moitísimos crentes que se expresan todos os días en galego e que de seguro se sentirían moi orgullosos de recibir a mensaxe do Papa en galego”.

Por último, Carme Adán asegurou que “nós vemos que con esta viaxe se perden cartos públicos, a cidadanía de Santiago perde mobilidade e pensamos que a función da cabeza da Igrexa non debe ser de promoción turística”.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]