Ana Pontón denuncia "o absoluto esquecemento por parte da Xunta da figura de Ricardo Carvalho Calero"

Ana Pontón, Rubén Cela, entre outros, con Margarida Carvalho

Santiago de Compostela, 30 outubro 2010. A portavoz de Cultura do BNG no Parlamento Galego, Ana Pontón, considera “lamentábel que “a máxima institución deste país, a Xunta de Galiza, esqueza a figura de Ricardo Carvalho Calero e non teña programado ningún acto de homenaxe no centenario do seu nacemento”.

A deputada do BNG participou esta mañá en Santiago de Compostela nun acto de homenaxe ao ilustre profesor, no que se descubriu unha estatua de homenaxe, obra de Xosé Molares, situada entre a rúa Carreira do Conde e a Alameda compostelá. Os actos foron promovidos pola Fundación Meendinho e contaron co apoio da AGAL, a AGLP, o BNG e a CIG.

“Un home que loitou toda a súa vida pola cultura galega”

En declaracións aos medios, Ana Pontón explicou que “o BNG súmase a este acto de homenaxe a Ricardo Carvalho Calero porque cremos que é unha persoa que loitou toda a súa vida pola recuperación e normalización da lingua galega e que se entregou á defensa da lingua galega”.

Ademais, expresou “o noso recoñecemento a todas as entidades civís que nos 100 anos do seu nacemento decidiron facerlle esta homenaxe”.

Esquecemento absoluto por parte da Xunta de Galiza

Porén, a deputada do BNG denunciou que “lamentabelmente temos que dicir que a Xunta de Galiza ten completamente esquecida a figura de Carvalho Calero”. “Cremos que é lamentábel que a máxima institución deste país se esquecera dunha data tan relevante para a nosa cultura”, asegurou.

Ana Pontón considerou que “esta é unha mostra máis da política antigalega que está a seguir o Partido Popular, da política de esquecemento e menosprezo dos nosos creadores e creadoras, das persoas que defenden a cultura deste país, na que a Xunta de Galiza se están empregando a fondo”.

Público asistente

Por último, asegurou que “o conselleiro de Cultura e o presidente da Xunta deberían sentir vergoña de que a máxima institución deste país, como é a Xunta de Galiza, non teña feito ningún acto de recordo de quen tanto deu por Galiza”.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]