Jorquera dille ao Goberno Central que "ten unha excelente oportunidade para retirar o Decreto do Carbón"

Francisco Jorquera

A Coruña, 29 Outubro 2010. O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, díxolle esta tarde ao Goberno central que a paralización do Decreto do Carbón “é unha excelente oportunidade para rectificar, pór o contador a cero e retirar ou proceder á modificación do Decreto no que atinxe aos seus contidos básicos”.

O deputado do BNG afirmou que o feito de que a Xustiza española aceitase as medidas cautelares presentadas polas eléctricas e que, a efectos prácticos pode paralizar a aplicación do Decreto, e o feito de que o Tribunal Superior de Xustiza da UE inste ao Goberno español a retrasar dous meses a súa entrada en vigor, “supón unha oportunidade magnífica para que Zapatero e o Ministro de Industria repensen o feito con este Decreto”.

Ao BNG, recalcou, “o que lle preocupa non é que as compañías eléctricas sexan compensadas polos efectos do Decreto nas térmicas alimentadas con carbón de importación abondando o lucro cesante, o que verdadeiramente nos preocupa é que se manteña a actividade produtiva e económica e os postos de traballo nas comarcas de Eume, Ferrol e A Coruña”.

Subliñou o feito de que o BNG sempre manifestou que “non se pode resolver o problema dun sector xenerando un problema maior noutro sector, traspasando o problema dunhas CC.AA a outras como é o caso”. Destacou que os feitos nos veñen a dar a razón e o Goberno central debe dar marcha atrás e rectificar a súa posición”.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]