Guillerme transmítelle "o total apoio do BNG" aos traballadores de VULCANO

Vigo, 29 outubro 2010. O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, transmitiullo hoxe “o total apoio do BNG” aos traballadores e á dirección de VULCANO e denunciou “a clara decisión política do Goberno Central de pechar este estaleiro”.

Guillerme acudiu esta mañá á factoría viguesa para manter unha reunión co comité de empresa e coa dirección de VULCANO. No encontro tamén participaron a deputada do BNG no Congreso, Olalla Fernández Davila; a responsábel local do BNG, Manuela Rodríguez, e concelleiros do BNG en Vigo.

“Parécenos absolutamente intolerábel que o Goberno Central lle negue un simple aval”


O portavoz nacional do BNG lembrou que “estamos nun estaleiro que ten problemas exclusivamente porque neste momento dende o Goberno Central non se quere aprobar un aval para rematar de construír un buque, e polo tanto garantir que a factoría siga tendo actividade”, un comportamento do Goberno do PSOE que cualificou de “absolutamente intolerábel”.

Neste sentido, advertiu de que “estamos diante dunha decisión política que debe ser corrixida de inmediato”. “Ese aval hai que dalo, o que non é de recibo, e hai que dicilo claramente, é que se poida dar centos de millóns para apoiar a minería noutros lugares do Estado e se lle neguen a VULCANO apenas 5 millóns de euros”, subliñou.

Guillerme Vázquez incidiu que “non se está a pedir o mundo, senón que PYMAR, na que está o Goberno Central, apoie simplemente cun aval unha empresa para que siga traballando”.

O portavoz nacional do BNG salientou que “nós apoiamos a VULCANO porque cremos neste pais e defendémolo con unllas e dentes”. Guillerme denunciou que “non é de recibo que haxa un trato discriminatorio unha vez si e outra tamén”.

O PSOE votou en contra en Madrid da iniciativa do BNG a favor de VULCANO

Neste sentido, lembrou que “no BNG tomamos medidas e iniciativas no Congreso dos Deputados, por certo aprobadas, aínda que co voto en contra do PSOE, en defensa desta factoría, e apoiaremos todas as iniciativas neste sentido, como a manifestación dos traballadores este xoves pola tarde”.

“Non nos merecemos isto, queremos un trato igual, xusto; hai unha decisión política de acabar con esta factoría e nós, como BNG, enfrontarémonos con toda a nosa forza a esa decisión política do Goberno Central de pechar VULCANO” concluíu Guillerme.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]