Ana Miranda denuncia en Bruxela que "a Comisión Europea, co seu visto bo ao Decreto do Carbón, avala a discriminación do Goberno español contra Galiza"

Bruxelas, 22 outubro 2010. A portavoz do BNG no Parlamento Europeo, Ana Miranda, ven de presentar unha iniciativa na que lle demanda explicacións á Comisión Europea pola autorización do Decreto do Carbón e advírtea das consecuencias negativas que esta norma do Goberno español terá na Galiza.

En concreto, Ana Miranda pregúntalle á Comisión por que avalou unha norma que permite subvencionar ao carbón español, moito máis contaminante, e que suporá a paralización das centrais térmicas galegas.

Ademais, pídelle explicacións ao eurocomisario Joaquín Almunia (PSOE) pola declaración do Decreto do Carbón como compatíbel co mercado interior, “cando non está xustificada que exista inseguridade do subministro, prexudicando así ás centrais que usan carbón importado ou ciclo combinado de gas natural, caso das centrais galegas, que non recibirían ningún tipo de compensación por elo, malia contaminaren menos”.

O verdadeiro motivo: darlle saída ao carbón español, prexudicando a Galiza


Pola contra, a representante do BNG no Parlamento Europeo advirte de que “a verdadeira razón do chamado Decreto do Carbón é que o Goberno Central quere dar saía á produción de carbón estatal, que polo seu alto prezo de mercado e pola baixada do consumo eléctrico debido á crise económica, non era consumido e quedaba almacenado”.

Deste xeito, Ana Miranda denuncia que as axudas do Goberno Central á produción con carbón estatal, de até o 15% da produción eléctrica, e que se poderían prorrogar máis alá da data que fixa o Decreto -decembro de 2014- até o ano 2020 “deixa fóra ás centrais térmicas galegas de carbón importado (Meirama e As Pontes), e reduciría o funcionamento das centrais de ciclo combinado e gas natural de Sabón e As Pontes”.

Coa súa decisión a Comisión Europea ampara a discriminación a Galiza

“En lugar de primar ás centrais menos contaminantes e máis baratas, como a das Pontes e a de Meirama, o Goberno central está primando ás centrais máis contaminantes con estas axudas”, denuncia.

Por último, Ana Miranda lembra que “o Decreto do Carbón ten provocado a reacción unánime do sector afectado en Galiza, que está realizando numerosos actos de protesta, e incluso dous sindicalistas da CIG atópanse neste momento en folga de fame para evitar unha discriminación que, en definitiva, está amparando a Comisión coa súa decisión”.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]