Ana Miranda denuncia que a UE está sacrificando o sector conserveiro galego

Bruxelas, 13 outubro 2010. A portavoz do BNG no Parlamento Europeo, Ana Miranda, ven de presentar unha iniciativa na que denuncia a Comisión Europea está a sacrificar o sector conserveiro galego ao favorecer as importacións doutros países.

Ana Miranda lembra que “a industria conserveira galega é a primeira de Europa, con 66 empresas e case 12.000 postos de traballo”. Neste sentido, a representante do BNG recolle as reclamacións do sector conserveiro galego, e denuncia que “a Unión Europea estalle concedendo privilexios dende xaneiro de 2010 ás conservas de atún importadas dende Papúa-Nova Guinea e as illas Fiyi”.

Deste xeito, a exoneración por parte da UE de cumprir as regras en orixe para os produtos transformados a base de atún, permitirá ás multinacionais asiáticas e doutras partes do mundo importar á UE as súas conservas de atún sen aranceis, e sen obrigalos a cumprir a lexislación sociolaboral, sanitaria e medioambiental da UE.

A UE non protexe a industria conserveira galega


“É dicir estamos ante un caso de dúmping social e económico, pois coa escusa de fomentar o desenvolvemento económico desa zona -que non se cumpre- entrarán miles de toneladas de conservas de atún na UE a prezos moito máis baixos grazas á explotación dunha man de obra barata á que non se lle aplica a lexislación laboral internacional”, advirte Ana Miranda.

Deste xeito, a representante do BNG denuncia que “a entrada masiva de atún ao abeiro desta excepción da normativa comunitaria supón un caso de desleixo da Comisión Europa na protección da súa propia industria, xa que o sector conserveiro galego tamén é industria europea e non quere deixar de existir”.

“O peso relativo en Europa da industria conserveira, pero importantísimo para Galiza, a nivel socioeconómico, debe ser examinado pola Comisión para garantir un equilibrio e evitar protexer excesivamente a outros sectores en detrimento do sector conserveiro e evitar así deslocalizacións do territorio da UE”, subliña.

Ante esta situación, a representante do BNG pregúntalle á Comisión Europea “por que está abandonando a industria de transformación do peixe en Galiza, amparando estas situacións de privilexio que favorecen o dúmping económico, social e sanitario?”.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]