Guillerme denuncia que "a única proposta do PP contra o paro sexa ampliar os contratos lixo até os 30 anos"

Lugo, 7 outubro 2010.- O portavoz nacional do BNG, Guillerme , criticou este mediodía que “a única proposta do PP para facer fronte ao problema do paro sexa ampliar os contratos lixo até os 30 anos”.

Guillerme estivo hoxe en Lugo onde realizou unha visita á feira do San Froilán canda o vicepresidente da Deputación e candidato do BNG pola capital lucense, Xosé Antón Bao, o deputado Fernando Blanco e representantes orgánicos e institucionais do BNG.

O líder nacionalista expresou “a máis que profunda preocupación do BNG polo problema do paro e polas receitas que están a aplicar tanto o Goberno Central como o da Xunta de Galiza, fracasadas absolutamente a estas alturas”.

Así, denunciou que no caso da Xunta de Galiza “vemos como o Goberno de Feijóo está paralizado e non adopta medida para paliar os efectos do paro, que está medrando en Galiza en maior proporción ca no resto do Estado”.

A este respeito criticou que “nos atopamos por toda proposta medidas como as que acaba de propor o PP de nada menos que ampliar os contratos temporais até os 30 anos”. “É dicir -advertiu- , que contratos con salarios mínimos, sen indemnización por despedimento, é dicir contratos lixo, claramente se poidan utilizar até os 30 anos”.

Pola contra, salientou que “dende o BNG seguimos demandando que a única forma de solventar a crise é camiñar cara outro modelo económico baseado na economía produtiva e especulativa, hai que demandar máis autogoberno para facer fronte á crise” .

“O que non pode ser -denunciou- é que mentres tanto a Xunta de Galiza permaneza impasíbel como se este problema non fora con eles.

Seguridade da planta de Alcoa na Mariña

Por outra parte, e en resposta a preguntas dos xornalistas sobre a seguridade da balsa de depósitos da planta de Alcoa na Mariña, o portavoz nacional do BNG asegurou que “sen xerar alarma, a xeración de recursos perigosos debe ter un tratamento axeitado antes de que sucedan accidente”.

En concreto, Guillerme Vázquez defendeu que “polo tanto si que haberá que demandar das autoridades que fagan todo o que teñan que facer, as medidas preventivas necesarias para que o que aconteceu en Hungría non aconteza aquí”.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]