Orzamentos do Estado 2011: "A Galiza non lle toca nin en vacas gordas nin en vacas fracas"

Santiago de Compostela, 1 de outubro 2010. O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, denunciou que o proxecto de Orzamentos do Estado 2011 “confirma a regra que nos aplican os Gobernos Centrais: a Galiza non lle toca nin en época de vacas gordas nin en época de vacas fracas”.

Guillerme compareceu esta mañá en rolda de prensa canda o portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, para facer unha valoración do proxecto de Orzamentos do Estado para o ano 2011 presentado onte polo Goberno Central.

“Señor Feijoo: co laio e coa impotencia non lle resolve nada a Galiza”

O portavoz nacional asegurou que “dende o punto de vista de Galiza, podemos cuantificar como queiramos o tanto por cento que nos toca, pero a realidade vai ser que as infraestruturas galegas volverán atrasarse”.

Denunciou que “seguindo o principio do Goberno Central: en época de vacas gordas a Galiza non lle toca e en época de vacas fracas tampouco”.

En canto á actuación do Goberno do Partido Popular na Xunta de Galiza, o portavoz nacional do BNG criticou que “o señor Feijoo volve emitir o laio e a impotencia como único plantexamento político, dicindo que non pode facer nada”.

Neste sentido, advertiu de que “cumpriría preguntarse se o Goberno de Feijoo fixo algunha xestión previa, algunha negociación co Goberno Central, e como seguro que non foi así, ir pola vía da importancia e do lamento non lle resolve nada a este país”.

“Máis que do Goberno Zapatero estes son dos orzamentos do FMI e dos tiburóns financeiros”

En canto á orientación xeral dos presupostos do Goberno para o vindeiro ano, Guillerme afirmou que “confirman que a liña central do Goberno en materia económica é garantir básicamente os beneficios do capital financeiro internacional, dos especuladores financeiros pois, o orzamento faise en función dese obxectivo”.

“Son orzamentos -alertou- que trazan un futuro moi preocupante, onde ao final se lle di á inmensa maioría social que terá que seguir afondando no seu sacrificio e que non hai ningunha perspectiva de mellora en termos de emprego e renda para esa maioría social”.

Por iso, concluíu que “máis que uns orzamentos do Goberno Zapatero, poderíamos dicir que son os orzamentos do Fondo Monetario Internacional, de Soros, dos tiburóns financeiros”.

Francisco Jorquera: “Estes orzamentos non servirán nin para saír da crise nin para reducir o déficit”

Pola súa parte, o portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera advertiu de que “estes non son uns orzamentos para saír da crise” e precisou as razóns. En primeiro lugar porque reducen drasticamente o investimento produtivo, e iso vai ter un impacto negativo na recuperación da economía e na xeración de emprego. E en segundo lugar, porque se produce un evidente recorte no gasto social: conxelación das pensións, redución dos salarios dos empregados públicos, importante recorte en sanidade e en axudas á maternidade e paternidade. Isto provocará redución do poder adquisitivo e do poder de compra das familias.

Deste xeito, Francisco Jorquera criticou que “con estes orzamentos o Goberno antepón o obxectivo de redución do déficit ao obxectivo de facilitar o crecemento económico”.

Porén, lembrou que “as previsións de crecemento do Goberno, do 1,3% paro ano que ven, son contestadas por todos os organismos, que ademais advirten de que dificilmente se cumprirán estas previsións e polo tanto os obxectivos de redución do déficit”.

Por iso, advertiu de que “podémonos atopar con que non sirvan nin para unha cousa nin para outra: nin para favorecer a recuperación económica nin tampouco para reducir o déficit”.

O mínimo para paliar o déficit de Galiza: 2.000 millóns de euros

En canto ao investimento en Galiza contemplado polo Goberno no proxecto de Orzamentos do Estado 2010, que se sitúa en algo máis de 1.550 millóns de euros, o portavoz do BNG no Congreso lembrou que “é evidente que representa un retroceso 24% a respeito de 2010, con 500 millóns de euros menos e tamén representa un descenso de 600 millóns de euros a respeito das previsións de investimento do propio Goberno en Galiza nos orzamentos de 2010”.

Subliñou que, máis alá das porcentaxes, “o que importa é o volume en cifras absolutas, e evidénciase un claro retroceso para Galiza por segundo exercicio consecutivo”.

“En definitiva, son unhas cifras de investimento que están moi por baixo do limiar necesario para que Galiza salde os déficits acumulados, especialmente en materia de infraestruturas, para o cal sería necesario que ese investimento se situase sensibelmente por riba dos 2.000 millóns de euros”, asegurou.

Con este investimento non se cumprirán os prazos das infraestruturas galegas

Ademais, Francisco Jorquera advertiu de que “con este investimento non está garantido en absoluto o cumprimento dos prazos para as principais infraestruturas do noso país”.

Neste sentido, criticou que “en materia ferroviaria o Goberno Central aposta por unha Galiza de dúas velocidades”. Así, advertiu de que “absorbe gran parte do investimento a liña de AVE Lubián-Ourense-Santiago, e aínda así con lagoas, e o eixo Atlántico A Coruña-Vigo, e aínda así con importantes lagoas, pero as asignacións á modernización do resto da rede ferroviaria galega son ridículas; atopámonos con que non hai ningunha asignación á prolongación do Eixo Atlántico a Ferrol e a Tui e Portugal, como son ridículas as partidas para a conexión ferroviaria cos portos exteriores da Coruña e Ferrol, onde tampouco se consignaron as partidas consignadas en exercicios pasados”.

O BNG votará en contra

Deste xeito, Francisco Jorquera anunciou que “con este proxecto de orzamentos na man, polo seu marcado carácter antisocial, por ser un orzamento negativo para saír da crise e porque o investimento que se contempla para Galiza é claramente insuficiente, o BNG non manexa ningunha outra hipótese que a de votar en contra e presentar unha emenda á totalidade”.

Rolda de de prensa de Guillerme Vázquez e Francisco Jorquera

Incumprimento dos Pactos do Obradoiro: chove sobre mollado

Por outra parte, e preguntado sobre o incumprimento dos Pactos do Obradoiro con estes Orzamentos, o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez lembrou que “cando se asinaron, o BNG dixo xa que eran uns pactos fraude e dixemos que foron produto dunha decisión de PP e PSOE de adiar na práctica as infraestruturas galegas crear unha nova esperanza de que desta vez ía”.

Neste sentido, recordou que “o señor Feijóo asinou eses pactos sen ningún compromiso firme e real por parte do Goberno Central”.

“Durante este ano o seu cumprimento foi máis que relativo e agora están feitos fosfatina: agora a escusa será a restrición orzamentaria como consecuencia da crise”, asegurou. “Volve chover sobre mollado sobre un incumprimento histórico co noso país, porque nin PP nin PSOE teñen compromiso político con Galiza”, concluíu.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]