Guillerme valora moi positivamente o xesto do tenente alcalde de Ourense e subliña que "o BNG demostra que non todos somos iguais"

Santiago de Compostela, 17 Setembro 10. O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez valorou “moi positivamente” a decisión do tenente de alcalde de Ourense, o nacionalista Andrés García Mata, de presentar a súa dimisión tras a súa imputación xudicial.

Guillerme Vázquez asegurou esta mañá en rolda de prensa a preguntas dos xornalistas que “é un xesto do noso tenente alcalde que valoramos porque asume responsabilidade políticas dende unha posición de non culpabilidade porque aínda non houbo sentenza”. “Polo tanto aceitamos a dimisión, presumindo a súa inocencia”, subliñou.

Engadiu que “queda manifestamente evidente que no BNG actuamos con coherencia”.

“Non todas as formacións políticas somos iguais”

Ademais, o líder do BNG advertiulle ao Partido Popular “que neste caso intenta lanzarse ao pescozo sobre este caso, do PP non aceitamos ningunha lección, en ningún caso”. “Un partido que ten implicados na corrupción a multitude de cargos públicos, incapaz sequera de condenar o transfuguismo, como é o caso de Gondomar, non lle da leccións de ningunha clase ao BNG”, subliñou.

“En definitiva, non somos iguais. Politicamente asumimos as responsabilidades e valoramos a coherencia e o xesto do propio implicado. A partir de aí seguiremos traballando e cando se produza a sentenza, de a houber, valorarémola”, concluíu o portavoz nacional do BNG.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]