Arteixo aproba unha moción do BNG para solicitar a elaboración dun novo Proxecto de Lei de Augas sometido a consulta pública

Silvia Seixas, portavoz municipal

Santiago de Compostela, 30 Xullo 10. O grupo municipal do BNG de Arteixo presentou unha moción que foi aprobada por unanimidade polo Pleno da Corporación para solicitar do Goberno galego a retirada do Proxecto de Lei de Augas de Galiza e a elaboración dun novo que sexa sometido a consulta pública.

Na moción, exprésase que o novo Proxecto de Lei de Augas debe recoller o cumprimento da Directiva Marco da Auga e a inclusión de todos os seus preceptos. Ademais, debe garantir o acceso ao ciclo completo da auga a todos os cidadáns e cidadás de Galiza en igualdade de condicións e unha fiscalidade progresiva para a auga en Galiza que de ningún xeito supoña un incremento da carga impositiva na situación actual de crise pola vía dos impostos indirectos.

Estabelece tamén que a regulación e ordenación dos usos da auga recolla todas as peculiaridades do territorio galego e do acceso á auga, “de xeito que se garanta que a auga sexa un servizo universal das galegas e dos galegos”, ademais de ter en conta “unha regulación dos usos industriais da auga que garanta o uso sostíbel do recurso e unha xestión transparente do canón industrial do uso da auga”.

No rural terán que pagar, aínda que non teñan servizos públicos de abastecemento de auga ou de saneamentoDuplícase a recadación
No texto da moción explícase que o Proxecto de Lei de Augas de Galiza aprobado polo Goberno galego substitúe o actual canon de saneamento por dous novos tributos, o canon da auga e o coeficiente de vertido, coa única intención de aumentar a recadación por parte do goberno do PP, a costa de familias e particulares. “Xa no primeiro ano de aplicación destes dous novos tributos, a Xunta de Galiza prevé duplicar a recadación prevista polo canon de saneamento para o ano 2010, cun incremento de preto de 35 millóns de euros”, sinala o texto.

Así, unha persoa que viva soa e que teña un consumo medio, duns 3 m3 ao mes, verá como a carga tributaria do seu recibo da auga se incrementa en máis dun 363%; e unha familia de tres membros, con ese mesmo consumo por persoa, terá que soportar un incremento do 171%.

Elaborada sen consulta
“Esta é unha lei que foi elaborada sen consultar aos concellos galegos, sen discusión previa, obviando a realidade local e a grave situación económica que se sofre no país e nos concellos”, sinala o documento.

Ademais, tamén explica que se “reducen os consumos asimilábeis a domésticos, pasando dos 3.000 m3/ao ano actuais a 2.000 m3/ao ano, o que terá consecuencias moi importantes na suba que van experimentar colexios, centros de saúde, pequenos negocios, hostalaría, etc”.

“Suprimen as exencións existentes na actualidade para os núcleos de menos de 2.000 habitantes, prexudicando especialmente aos veciños e veciñas do rural, que terán que pagar o canon polo aproveitamento da auga dos seus propios pozos, ou de traídas veciñais, do que hoxe están exentos, e ademais aínda que non teñan servizos públicos de abastecemento de auga ou de saneamento”, expón o texto. “Só no caso de que non dispoñan de ningún destes dous servizos públicos poderán aplicar a redución prevista na lei, pero aínda non tendo ningún servizo terán que tributar polo canon da auga”, explícase.

Ademais, “esta lei obriga a instalar contadores homologados nos pozos particulares, baixo a ameaza de multas de até 30.000 euros”.

Por outra parte, a lei non adopta ningunha medida que veña a incentivar o aforro de auga, nin nos usos domésticos nin nos outros, e por riba estabelece unha cota para todos os fogares aínda que non teñan consumo de auga.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]