Xoán Xosé Pita di que o BNG está "pensado" para gobernar Ferrol

O portavoz nacional posa co primeiro tramo da candidatura do BNG

Ferrol, 21 Xullo 10. O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, presentou esta mañá, nos soportais do Teatro Jofre de Ferrol, a candidatura encabezada por Xoán Xosé Pita para as vindeiras eleccións municipais. No acto, celebrado baixo o lema “Tempo de compromiso con Galiza, con Ferrol”, interviñeron tamén a responsábel local Elia Rico e número un da listaxe nacionalista á Alcaldía da cidade.

Guillerme Vázquez sinalou que “estamos dispostos a que os concellos non sexan simples réplicas do que PP e PSOE fan a nivel estatal ou a nivel autonómico; non queremos ser simples réplicas, todo o contrario, queremos que os concellos sexan institucións que máis alá de xestionar ben os recursos e de fornecer calidade de vida aos cidadáns, sexan tamén axentes de dinamización económica e xeradores de emprego, defensores dos valores lingüísticos, culturais e patrimoniais, promotores da igualdade e do benestar...”.

“Queremos que os concellos sexan institucións activas, fronte a PP e PSOE, que á vista de todos están as políticas regresivas e políticas antigalegas como as que se acaban de practicar onte no Congreso dos Deputados, onde o BNG presentou dúas propostas de resolución: unha para levantar o veto á construción naval civil a Navantia-Fene e outra para modificar o decreto do carbón que claramente prexudica os intereses das nosas empresas enerxéticas e, polo tanto, dos nosos traballadores e traballadoras”, explicou. “A resposta volveu ser un PSOE votando non e un PP absténdose que, nas circunstancias que se dan no marco do Congreso, é tanto como votar que non”, sinalou.

UN NOVO IMPULSO

Guillerme, durante a súa intervención

Pola súa parte, Xoán Xosé Pita destacou que “o proxecto do BNG está pensado para gobernar Ferrol e ten a capacidade e a forza política suficiente para darlle un novo impulso á cidade, fronte ao esgotamento do modelo propagandístico que durante os últimos anos exerceu o Goberno municipal do PSOE”.

“Temos demostrado con feitos que o nacionalismo galego é sinónimo de seriedade, traballo político e tamén de compromiso co noso País e coa nosa cidade”, afirmou Pita. “O noso compromiso é coa xente, pero sempre sustentado cos valores e principios que definen a actuación política do BNG, como a defensa da nosa lingua e cultura, a defensa da participación social e a aposta pola transparencia na xestión pública e por mellorar a atención ao cidadán”, engadiu.

COA NOSA LINGUA NON SE NEGOCIA

“Que quede claro que coa nosa lingua non se negocia, seremos incansábeis até conquerir a plena normalización da nosa lingua no Concello de Ferrol”, afirmou o candidato. “Aspiramos, así mesmo, a desenvolver un proxecto de cidade no que o protagonismo sexa da súa xente, imos poñer o Concello ao servizo das persoas mediante a aplicación de políticas transformadoras claramente favorábeis ás maiorías sociais fronte ás políticas pensadas para as elites e os especuladores urbanísticos”, sinalou.

“Estamos plenamente convencidos de que todos e todas os ferroláns gostarían de vivir nunha cidade mellor, nunha cidade onde todos e todas fósemos iguais e non existisen privilexios, nunha cidade sen muros, que non sexan nin físicos nin económicos, pero tamén sen vetos, porque a decisión de manter intacta esa tapia, ese adefesio que divide a cidade é un símbolo moral que pretende transmitir a idea de que ese espazo desta cidade segue vetado ao pobo de Ferrol, igual que vetada teñen a produción naval civil nos estaleiros da nosa comarca”, explicou.

Xoán Xosé Pita encabeza a listaxe do BNG

DESLEIXO DO PP,  TRAIZÓN DO PSOE

Para Xoán Xosé Pita, “fronte ao desleixo do PP e á traizón do PSOE, sitúase o compromiso do BNG na defensa do noso sector naval como motor esencial da nosa economía e como fonte de xeración de emprego nunha cidade tan necesitada coma Ferrol”.

“Chegou a hora de emprazar o Ministerio de Defensa a un acordo que mellore as arcas locais por mor da súa importante presenza e das súas actividades dependentes que teñen no conxunto da cidade, debemos negociar sen demora un incremento da compensación do Estado á nosa cidade e tamén unha solución definitiva aos incumprimentos do pago do IBI da empresa Navantia; a solvencia económica do noso Concello pasa por aí”, indicou.

Ademais, engadiu, entre outros aspectos que incluirá no programa municipal, que a cidade precisa máis recursos dedicados ao benestar social, a recuperación urbanística, a mellora dos parques públicos, a dotación de servizos, o transporte por ferrocarril e as infraestruturas necesarias para liderar a comarca.
Así, preséntase “unha candidatura nova, con ADN nacionalista, onde se demostra que o proxecto do BNG non está esgotado, é un proxecto que ten futuro, con moitas gañas de recuperar a cidade e o espazo político que o BNG nunca debeu perder na cidade de Ferrol”, concluíu.

CURRÍCULO DO NÚMERO UN DO BNG AO CONCELLO DE FERROL

Xoán Xosé Pita Díaz (Covas-Ferrol, 1951) realizou estudos de Náutica, para máis tarde traballar como oficial da Mariña Mercante. Na actualidade desenvolve a súa actividade profesional como empresario autónomo nunha empresa de prefabricados.

É o presidente do Consello Reitor da Cooperativa Agraria de Covas, Esmelle e Marmancón.

Nas eleccións de 1999 saíu electo concelleiro. Durante o período 1999-2003 formou parte do Goberno municipal de Ferrol, presidido por Xaime Bello, onde estivo á fronte de varias delegacións (Seguridade e Tráfico, Zona Rural etc.)

Desde xaneiro de 2004 é novamente concelleiro, desenvolvendo desde as eleccións do 2007 o cargo de portavoz municipal do BNG.

Foi membro da Executiva Comarcal do BNG de Ferrolterra. Na actualidade é membro do Consello local do BNG de Ferrol.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]