Xosé Antón Bao pon en valor o BNG frente a un PP "sectario" e dependente de intereses privados e un PSOE "errático"

Guillerme, durante a súa intervención

Lugo, 20 Xullo 10. O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, presentou esta mañá a candidatura encabezada por Xosé Antón Bao para as vindeiras eleccións municipais, co lema “Tempo de compromiso con Galiza, con Lugo”, nun acto celebrado na Muralla de Lugo, no décimo aniversario da súa proclamación como Patrimonio da Humanidade.

“Estamos absolutamente convencidos de que as eleccións municipais vindeiras vanse realizar nun contexto político e social diferente dos dous últimos anos, nun contexto social e económico que non descoñecemos, con taxas de paro moi elevadas, cos dereitos laborais e sociais recortados, cos despedimentos abaratados, coas pensións diminuídas e, dende logo, cun modelo de recadación fiscal que fai recaer o groso da recadación nas rendas medias e baixas en lugar das rendas dos poderosos”, sinalou, “e, por suposto, nun contexto no que haberá límites ao autogoberno, que tamén ten repercusión sobre a realidade municipal e sobre os problemas que dende un concello terán que afrontar quen o goberne”.

Financiamento estatal e autonómico

Este contexto tampouco vai axudar o Goberno galego, hoxe comandado polo señor Núñez Feijóo que, día si, día tamén, transmite unha mensaxe aos cidadáns de impotencia, que non pode facer nada porque ao final seica carece de fondos con que efectivizar as súas políticas”, dixo. “Hai un ano ese señor Núñez Feijóo tiña un problema derivado de que non lle deixara, disque, o Goberno anterior na caixa nin un peso, agora ten un problema, seica, derivado de que o financiamento autonómico é insuficiente; un financiamento autonómico que el, por certo, aprobou e firmou”, explicou Guillerme Vázquez.

“É un Goberno do que tampouco esperamos que poida contribuír á mellora social nin económica da situación do punto de vista dos concellos”, dixo. “Era o señor Feijóo quen dicía que había que facer máis con menos e o problema é que, a estas alturas, ten demostrado que non fai, nin con máis nin con menos, simplemente transmite impotencia e inactividade”, sinalou.

Xosé Antón Bao, candidato á alcalde polo BNG

A respecto da queixa do presidente da Xunta sobre o financiamento estatal diminuído, Guillerme Vázquez sinalou, a preguntas dos xornalistas, que “convén recordar que é un modelo que o Goberno galego non combateu e a partir de aí o señor Feijóo o único que fai é mostrar a súa impotencia ante a situación, queixarse, laiarse; por certo sen tomar ningunha medida que permita mellorar os ingresos da Xunta de Galiza, sen plantexarse aumentar o tramo autonómico do IRPF, etc”.

“Polo tanto, o señor Feijóo que anunciaba aquilo de que era posíbel facer máis con menos, a pregunta que haberá que facerlle a estas alturas é como é posíbel que nin con máis nin con menos, sexa incapaz de implementar unha soa política que teña contribuído a mellorar a situación económica ou social deste País”. “Tería que explicarnos o señor Núñez Feijóo en que está metendo os orzamentos da Xunta de Galiza, se os hospitais se fan con financiamento privado e as infraestruturas principais tamén, en que está metendo o orzamento da Xunta de Galiza”, insistiu.

As listas do BNG, con liderado e con equipo

Sobre as candidaturas coas que o BNG concorre ás municipais 2011, afirmou que “ofertamos para novos tempos políticos e para novas necesidades da xente, novas políticas e novas formas de facer e, para iso, presentamos listas cualificadas dende o punto de vista profesional e político, con persoas que teñen principios e valores hoxe tan necesarios no contexto no que estamos a vivir”. Así, “ofrecemos listas con liderado e con equipo, Antón Bao é unha persoa comprometida con Lugo e con Galiza, con experiencia contrastada e con valores firmes, que liderará un equipo”, afirmou.

Nas vindeiras eleccións “haberá que optar por concellos activos, dinámicos, pegados ás necesidades da xente, capaces de poñer en marcha políticas de vangarda, capaces de enfrontar as dificultades que existen; ou optar polas políticas restritivas antipopulares que outros aplican e defenden”, indicou o portavoz nacional.

Persoas implicadas e decididas

Pola súa parte, Antón Bao destacou que “esta candidatura contempla características necesarias de experiencia, renovación, capacidade de traballo amplamente contrastada, coñecemento do concello e contacto social diverso”. “É unha lista de persoas implicadas, decididas, fieis a este proxecto nacionalista e a este proxecto que queremos presentar para Lugo”.

Logo de describir os valores e cualidades dos seus compañeiros e compañeiros de candidatura, lembrou “aos que nos precederon no Concello”, dende a primeira representación nacionalista no ano 1979, “cunha experiencia que permitiu asentar as bases ideolóxicas dun modelo de cidade, que se distancia dos desacertos e desidia das outras forzas políticas para irmos cara a un novo Lugo”.

As liñas da coherencia e da participación cidadá

“Debemos escribir a historia de Lugo coas letras do BNG, fronte a un PSOE e un alcalde hipotecados de promesas incumpridas, de xestión errática que repousou no populismo en tempos máis favorábeis e que agora ten que administrar coas miserias desta crise co traballo sen facer; un PSOE e un alcalde que foron escribindo coas liñas torcidas e demasiados puntos suspensivos un Goberno cremos que ineficaz”, dixo. “E tamén un PP que escribe ao ditado dos intereses partidarios, da negación de Galiza e de Lugo; un PP que escribe coa tinta do descrédito político, da difamación, dos intereses privados e especulativos, un PP sectario que pode levar a Lugo á bancarrota política e social como está a levar a este País, cun candidato que leva pedindo seguido permiso para gobernar”, engadiu.

“Fronte a eles debemos escribir a política de Lugo coas letras do BNG, coas liñas da coherencia e da defensa das maiorías sociais, das alternativas do BNG para paliar tamén dende o concello a crise que fai sufrir a tanta xente”, sinalou. “Somos a única forza política de Lugo que temos un modelo claro e definido de cidade, levámolo demostrado durante estes anos, escribimos e seguirémolo facendo, o noso modelo contrario ao urbanismo especulativo, o noso modelo sustentábel no ambiental como motor de alternativas de futuro, escribiremos a política do público fronte ao privado, da participación cidadá, da esixencia, da non compracencia coas administracións para esixir as infraestruturas que Lugo precisa e que se lle seguen debendo”, explicou.

“O BNG preséntanse para gobernar transformando, temos un proxecto alternativo”, engadiu o candidato nacionalista.

Currículo do número un ao concello de Lugo

Xosé Antón Bao Abelleira (1964) viviu en Becerreá durante a infancia e xuventude até que se instala en Lugo no ano 1991. Licenciouse en Filoloxía Galego-Portuguesa na USC, logo de cursar os tres primeiros anos de carreira no Colexio Universitario de Lugo. Foi profesor de Lingua Galega e Literatura de Ensino Medio.

É vicepresidente da Deputación Provincial de Lugo e concelleiro en Lugo. Neste intre é responsábel comarcal de Lugo-Centro. Foi delegado sindical da CIG-Ensino e membro da xunta directiva da Asociación Socio Pedagóxica Galega (AS-PG).

Desenvolveu un traballo de investigación sobre a figura de Fuco Gómez, persoeiro nado no concello de Becerreá, e que realizou unha importante actividade a prol do nacionalismo galego e da nosa cultura na Habana (Cuba) durante os anos 1920 e 1930. Publicou varios artigos sobre este tema no semanario A Nosa Terra e participou en diversas xornadas sobre esta figura.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]