As candidaturas do BNG aos concellos fórmanas persoas "con principios e valores" e dispostas "a renovar a fondo a forma de facer política"

Xosé Manuel Carril, en primeiro plano, e Guillerme, durante a súa intervención

A Coruña, 19 Xullo 10. As candidaturas do BNG ás municipais 2011 fórmanas persoas “con principios e valores” e firmemente decididas a “renovaren a fondo a forma de facer política”, afirmou esta mañá na Coruña o líder nacionalista Guillerme Vázquez.

“O BNG aspira lexitimamente a gobernar os concellos deste País e a facelo ao servizo da xente e non dos poderosos”, acrecentou.

O portavoz nacional insta a Feijóo a que “deixe de laiarse” e acúsao de non “ter posto sobre a mesa nen unha soa política activa” para remontar a criseDurante o acto de apresentación aos medios do primeiro tramo da candidatura da formación nacionalista ao concello da Coruña -ao ar libre, na rúa Pedro Galán Calvete, co Atlántico e a Torre de Hércules como pano de fundo-, o portavoz nacional enfatizou que “ofrecemos liderado e traballo en equipo”.

“Esta candidatura que hoxe apresentamos mestura de forma exemplar renovación con experiencia e está encabezada por unha persoa que ten acreditada a súa enorme capacidade para desenvolver con éxito as tarefas que ten emprendido”, afirmou.

Guillerme afirmou que o BNG representa outra forma de entender e de facer política

“Non son tempos de mesianismo. Son tempos de traballo colectivo. Agora que está tan de moda falar de traballo en equipo, nós non sabemos traballar doutra maneira”, dixo o líder do BNG. “Son tempos difíciles e as dificuldades só as venceremos co traballo de todas e de todos”, recapitulou, ao tempo que puxo en destaque que o BNG “está por políticas de vangarda, tamén desde os concellos, e non por concebir os gobernos como simples xestorías nen como simples ocupacións de poltronas” como fan outros.

UNHA ESCOLLA ENTRE DOUS MODELOS

Nas eleccións municipais as galegas e os galegos terán que optar basicamente entre dous modelos. “Por unha banda, o de aqueles partidos que se limitan a aplicar nos concellos as políticas regresivas e antisociais que as súas cúpulas en Madrid deciden. Por outra, o desta forza política, o BNG, que ten demostrado que non só sabe xestionar, senón que tamén é capaz de transformar a realidade en beneficio das maiorías sociais”, dixo e puxo como exemplos “entre outros, o traballo feito en concellos como Bueu, Ribadeo, Pontevedra ou Allariz”.

O líder nacionalista vinculou as propostas do BNG para os concellos cunha “saída socialmente xusta” para a crise económica. “Desde os concellos tamén se pode e se debe dinamizar a economía e pór o acento na economía do traballo e da criación de emprego e non na economía especulativa”, dixo, ao tempo que defendeu a necesidade de modificar o actual modelo de financiamento das entidades locais que xulgou como “inxusto” para os municipios galegos.

É tempo de compromiso co País e non é “tempo de resignación”. “Claro que se poden cambiar as cousas para mellor. Os que se resignan terían que pensar que se así o fixeran os que nos precederon pois se cadra aínda estabamos vivindo baixo o feudalismo”, alegou.

Foto de grupo do primeiro tramo da candidatura do BNG para A Coruña, acompañado polo portavoz nacional

OS LAIOS DE FEIJÓO

Interpelado polos medios a respecto do anuncio do presidente da Xunta de que en 2011 o orzamento co que contará o Goberno galego tamén decrecerá sobre o presente exercicio, o portavoz nacional demandou ao señor Feijóo que “deixe de laiarse dunha vez”.

“Temos un presidente que só sabe laiarse e botarlle a culpa de todo aos demais, tamén daquilo que está baixo a súa responsabilidade”, dixo e engadiu que “aínda non coñecemos desde que é presidente nen unha soa política activa que impulsase o seu Goberno na dirección de atoparmos unha saída socialmente xusta á crise económica”.

Tamén o Decreto do Carbón foi materia do interese da imprensa. “Sobre iso teño que dicir que durante o período de tramitación non se coñeceu nengunha proposta da Xunta en defensa dos nosos intereses. Agora seica si van facer algo. Non o sei. Eu nen os sinto nen os oio nen os vexo”, concluiu.

XOSÉ MANUEL CARRIL

O número un do BNG ao Concello da Coruña, Xosé Manuel Carril, declarou a súa “honra” por encabezar “unha candidatura que é froito dun proceso democrático e participativo”, algo do que “outras forzas políticas non poden presumir”.

A candidatura do BNG ponse ao servizo “das maiorías sociais” na cidade da Coruña, dixo. “Somos a candidatura da cidadanía e dos movementos sociais. O BNG é un instrumento de participación social. O Concello debe estar sempre do lado da cidadanía e non do lado dos especuladores”, acrecentou.

Carril puxo en valor a traxectoria histórica da cidade da Coruña como vangarda do nacionalismo e das loitas populares e obreiras. “Non por acaso convocamos este acto nesta rúa, dedicada a quen foi secretario de organización das mocidades galeguistas na Coruña, fusilado no 36”, dixo.

O candidato a alcalde polo BNG valorizou como excelente o traballo da formación nacionalista no goberno da cidade: “Grazas a ese traballo, comezamos a deixar atrás a era Vázquez na Coruña”, resumiu.

Para Carril, o suposto coruñesismo que invocan certos sectores políticos e sociais non é tal. “Renunciar a galeguidade da Coruña é un coruñesismo moi pouco coruñesista” porque é non coñecer a historia da Coruña e ignorar que “A Coruña é Galiza e Galiza é A Coruña”.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]