Quintana acusa a Feijóo de practicar nesta campaña "un recital de sectarismo, intolerancia e antigaleguismo"

O candidato afirma que : “ofrecemos o mesmo que ofrecimos na manifestación do 'Prestige' en Madrid hai cinco anos: dignidade, respecto e servizo ao país"

Ribeira, 22 Febreiro 09.- O candidato nacionalista á presidencia da Xunta, Anxo Quintana, participou esta tarde nun mitin en Ribeira, onde tamén interviron o concelleiro Luís Teira, a candidata Dominga Brión e a número dous pola Coruña, Ana Pontón.

Quintana quixo contrapor na súa intervención as orixes do BNG coa de outras forzas polítcias e lembrou que “algúns naceron para a política saíndolle os dentes no despacho do franquismo, outros sumáronse a unha franquicia e outros arrastrados por grandes grupos mediáticos que os levaron en volandas. Nós somos unha forza política nacida do pobo galego. Para esa forza política veño pedirvos o voto. Esa forza froito do esforzo e o traballo de tanta xente”, concluíu.

Malia estas orixes humildes, Quintana sorprendeuse de que “leven uns días chamándome señorito. Os señoritos neste país son xentes que se burlan e desprezan a aqueles que falan a lingua do noso pobo, a lingua galega. Nunca un señorito en Galiza estivo ao frente das reivindicacións populares, nunca se puxo ao lado dos máis débiles para defender a causa da xustiza, dos labregos, dos mariñeiros. Señoritos son os que desprezan ao galego e a Galiza”.

"Os señoritos neste país son aqueles que desprezan aos que falan a lingua do noso pobo"Asegurou tamén que iso “é o que leva feito o señor Feijóo nesta campaña un recital de sectarimos, intolerancia e antigaleguismo”.

Sectarismo porque, tal e como indicou, “cada día propón destruír unha cousa nova. Hoxe tocoulle ao Consorcio. Se no consorcio hai 270 concellos asociados e a maioría son do PP!”, exclamou, “non lle gustan nin os deles!”

O candidato nacionalista dixo que o BNG ten creado “unha rede pública de benestar, de educación infantil na que traballan máis de 1.600 persoas, todas por concurso público participando nos xurados os sindicatos, os concellos de todos os signos políticos. Moi criticado iso si, o que non se critica é o de agora, o do señor Louzán, o único mérito é ser amigo de Louzán”.

Intolerancia porque, tal e como dixo “como se pode chamar que un candidato néguese a debater cos demais e boicotee os debates electorais?”

"O señor Feijóo o que quere é volver á época de Jiménez Losantos!"Como exemplo do antigaleguismo de Feijóo, Quintana dixo que “agora o señor Feijóo ocúrreselle que o problema é o castelán porque está en perigo. Fixemos unha lei de normalización lingüística que aprobamos todos. Agora di que é o castelán o que está en perigo, daquela tiña que facer unha lei d normalización do castelán!”, ironizou.

Segundo indicou Quintana, ao líder dos populares “non lle importa facerlle dano ao galego con tal de arañar uns cantos votiños. Con iso debuxa tamén o país que el quere. En Galiza a vida por desgraza é fundamentalmente en castelán e asi sucede cos medios de comunicación, agás os medios públicos. O señor Fraga non tivo valor de cambialo en 16 anos, pero o primeiro que fará o señor Feijóo será acabar cos medios de comunicación públicos en galego”. Asi, Quintana asegurou que “imos volver á época de Jiméndez Losantos ésa é a época que quere o señor Feijóo”.

Aludíu o candidato tamén ás enquisas que se publican hoxe nos medios de comunicación e afirmou que “revelan algo que o BNG vai subir, eu vouvos dicir onde: en todas” e dixo que as enquisas “amosan algo máis importante: comprobar que é a xente que peor o está pasando, a que maioritariamente opta polo BNG. É moi significativo, e é normal porque demostra que cando dicimos que somos a forza do pobo galegos non o dicimos só nós, Asi nos identifica a xente, Saben que para sair deste momento só o BNG pode ofrecer solucións”.

Marea de dignidade

Lembrou Anxo Quintana tamén á data de mañá, 23 F, “data para lembrar os perigos para as liberdades e como enfrentalas, pero tamén porque houbo outro o de 2003, naquela data milleiros de galegos e galegas inundamos Madrid na maior manifestación de toda a historia deste país. Fomos reclamar respecto e dignidade, non fomos chorar a unha esquina”. En aquela ocasión, o BNG, como sempre ten feito “non se equivocou de bando, estivo coa xente, co pobo. Onde estivo o PP daquela? Na casa, escondido, protexendo un goberno inoperante e ineficaz, desexoso de afundir a Galiza na peor das miserias”.

“O día 1 temos que elixir entre esa Galiza sumisa que nos queren impor ou a da dignidade, do respecto e do futuro. Un día fomos defender a dignidade do noso país, o próximo domingo temos que defendelo nas urnas co voto masivo do BNG porque ofrecemos o mesmo que ofrecimos o 23 de febreiro: dignidade, respecto e servizo ao país”, asegurou o cabeza de lista.

Ana Pontón

Pola súa banda, a número dous pola provincia da Coruña pedíu o voto para o BNG e lembrou o labor do nacionalismo para conseguir que os mariñeiros voten, “no mantemento desa situación teñen responsabilidade PP e PSOE. Nunca teñen tempo para modificar esa lexislación que impide que poidan votar”.

“Pero no BNG non decaemos e seguiremos traballando porque sempre estivemos contra as inxustizas e coa vosa forza conseguiremos que esta desapareza”, dixo. Na mesma liña asegurou que o BNG cumpríu o mandato dos galegos de cambiar Galiza. “Onde algúns só vían negocio, o BNG puxo en marcha un SGB, rural, apostou por xente que quere seguir traballando”.

“O máis importante do cambio do BNG é que por primeira vez o epicentro das decisións non estivo en Madrid. Isto no noso país é revolucionario”, afirmou.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]