Galiza despídese da Feira do Libro da Habana
Visitantes no Stand de Galiza
A Habana, 24 Febreiro 08. Galiza despídese hoxe da Feira do Libro da Habana á que ata onte asistiron máis de 500.000 persoas e na que se venderon máis dun 1.200.000 exemplares. O director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, participou no acto de clausura da feira xunto a director do Instituto do Libro cubano, Iroel Sánchez, subliñando a "presenza orgullosa de Galiza na Habana" como unha gran oportunidade para "abrir a nosa cultura ao mundo". Hoxe a Consellaría de Cultura pecha a presenza galega na illa co concerto dos galegos Narf e os cubanos Los Kent. E onte, o público cubano volveu encher o Teatro Mella para asistir á estrea do proxecto multiartístico ‘Rosalía XXI’ con Anxo Angueira, Abe Rábade Quartet e Guadi Galego.
As editoriais galegas continúan esgotando as edicións no último día da Feira, un dos máis concorridos do encontro. A falta dunha xornada para pechar as portas da Cabaña, onte no multitudinario acto de clausura da Feira, Iroel Sánchez, ofreceu datos de asistencia e venda de libros. Así explicou que foron "máis de 500.000 persoas as que asistiron aos diferentes espazos e actividades da feira, e o domingo espérase que sexan moitas as que se acheguen", e adiantou que as vendas ascendían ao 1.200.000 exemplares de libros.
Bará destacou a "presenza orgullosa" de Galiza na HabanaViaxe de volta da cultura galega a Latinoamérica
Por outra banda, Bará, aproveitou a súa intervención para destacar "a presenza orgullosa" de Galiza na Habana "sobre todo nesta fortaleza dos libros e a cultura". E subliñou a importancia deste convite para promocionar "unha cultura con personalidade moi definida, sen límite na súa creatividade e talento" que permita a súa difusión "plural, diversa e sen complexos". Así mesmo, celebrou que "esta nova viaxe da cultura galega dea comezo na illa de Cuba, na gran festa da cultura viva e participativa", comentou o director xeral de Creación e Difusión Cultural. Así mesmo, agradeceu a toda organización galega e ás institucións colaboradoras o seu esforzo, especialmente a Nancy Pérez, coordinadora xeral das actividades da presenza galega na Habana. Finalmente, Luis Bará recalcou "a aposta decidida do goberno galego pola cultura e a súa proxección internacional", asegurando que este non é máis que o comezo da viaxe de volta da cultura galega a Latinoamérica.
O expositor da Consellaría de Cultura recibiu o premio ao mellor stand estranxeiro "polo seu exquisito deseño e por ofrecer un verdadeiro mosaico á altura da súa idiosincrasía". O xurado tamén resaltou a imaxe tan diferente que ofreceu o stand galego fronte ao resto dos expositores que deixaron en segundo plano o deseño.
O concerto de Narf pecha as actividades galegas na Habana
O grupo galego Narf pon o peche ás actividades galegas na Habana cun concerto no Teatro Mella xunto ao grupo cubano Los Kents. Narf ofrecerá os últimos temas do seu traballo discográfico ‘Totem’, cheo de influencias árabes, brasileiras, flamencas e africanas a ritmo de pop. Este sons, enriquecidos polo uso da percusión, reforzan a electroacústica do grupo.
Así mesmo, hoxe Pilar Cagiao presentou da man de Manuel Ferreiro ‘La emigración gallega a Cuba’, e de seguido, Xosé A. Neira Cruz, deu a coñecer ao público cubano ‘Mambrú, cocinero de perfumes’, un dos títulos máis demandados no centro de vendas dos editores galegos. O pavillón de Galiza recibirá esta tarde coa presenza de Luís Bará Bará á Sociedade Cultural Monterroso que actuará cos seus grupos de baile e música na praza de San Francisco, no recinto da Cabaña.
‘Rosalía XXI’ reuniu a 800 espectadores no Teatro Mella da Habana
Tamén se presentou a tradución ao galego das conversas con Fidel Castro de Ignacio RamonetO espectáculo ‘Rosalía XXI’ que se estreou onte no Teatro Mella congregou a máis de 800 persoas que asistiron a esta nova visión da poeta galega. Abe Rábade Quartet ofreceu dez temas compostos exclusivamente para a ocasión que musicalizaban os poemas da escritora galega xunto a un espectáculo audiovisual e a voz de Guadi Galego. O público tamén puido desfrutar da actuación de Pablo Milanés que interpretou un poema de Curros Enríquez dedicado a Rosalía.
E pola tarde no recinto da feira presentouse a tradución ao galego do éxitoso título de Ramonet, ‘Fidel Castro. A miña vida. Conversas con Ignacio Ramonet’, editado por Xerais. Xosé García Crego, encargado da presentación, recibiu un exemplar autografiado e dedicado do propio Fidel Castro. Gustavo Luca de Tena, periodista e escritor galego, dixo que a publicación deste volume é a culminación da loita polo recoñecemento de Galiza e outro entrañable vínculo con Cuba. O libro editado en galego tamén foi un dos máis solicitados no expositor dos editores galegos.
Por unha literatura sen etiquetas
Rosa Aneiros, Teresa Moure, Marta Dacosta e Antía Otero, como moderadora, participaron no encontro `Da man e da voz das mulleres’. Todas elas coincidiron na existencia dunha literatura que se recoñece feita por mulleres pero negaron unha adxectivación da literatura como feminina. Aneiros considera que é preciso "non entrar no xogo de pór adxectivos á literatura"; por outra banda Marta Dacosta criticou a escasa presenza que se lle deu as autoras ao longo da historia e reivindicou "a desconstrución dos mitos". Mentres, Teresa Moure repasou con ironía os tópicos femininos e denunciou como "a muller aparece trivializada sempre nos medios de comunicación".