Xa ao teu dispor o Benegá ao Día do 25-X
Santiago de Compostela, 14 Xullo 10. Xa foi ao prelo o número 37 do Benegá ao Día, o boletín nacional do BNG.
O Día da Patria Galega 10 e as candidaturas para as municipais recén aprobadas polo Consello Nacional son algúns dos contidos básicos deste número, en que tamén se presta atención ás alternativas que defende o BNG ante o acoso e derrubo ao Estado do Benestar ou a necesidade, agora máis que nunca, de avanzarmos cara a un Novo Estatuto de Nación, logo da infausta sentenza do Tribunal Constitucional sobre o Estatut.
O desmantelamento do Consorcio Galego de Servizos Sociais, o chamado Decreto do Carbón Nacional (sic) e a negativa do PP a desenvolver a Lei de Caixas galegas reciben tamén un tratamento específico nesta nova entrega que inclúe tamén crónicas parlamentares e un artigo de Francisco Rodríguez sobre Rosalía, no 125 aniversario do seu pasamento e xusto nas vésperas da conmemoración do traslado dos seus restos mortais ao Panteón de Galegos Ilustres.
O número féchase cunha entrevista coa gaiteira Susana Seivane.