O BNG DE FOZ VE NECESARIO AMPLIAR A ESCOLA INFANTIL DE FOZ

Galescola de Foz

“Son necesarias máis prazas e iso conséguese facendo unhas pequenas obras de acondicionamento”A Galescola de Foz, situada no antigo Hotel Bahía, conta actualmente con 4 unidades de infantil no que están 54 nenos e nenas de idades entre 0 e 3 anos. Aínda así, numerosas familias non poden facer uso deste servizo polo límite de prazas da escola infantil. Nestes momentos a lista de agarda é de 26 persoas, sobre todo de nenos e nenas de 1 a 2 anos.


Cando se realizou a obra desta escola infantil, grazas á colaboración entre Concello de Foz e Xunta de Galiza, o piso superior quedou sen acondicionar e sen dotalo dos medios necesarios para habilitalo como aula onde os nenos e nenas puideran desenvolver as súas actividades. Da mesma maneira, deixouse a terraza do edificio sen as medidas de seguridade oportunas e sen pechar, co que se limita grandemente o seu uso, sobre todo no inverno.


Desde o BNG vemos necesario seguir mellorando un servizo básico para os veciños de Foz e da Mariña e que repercute tan positivamente na educación dos máis pequenos así como nas condicións de vida dos seus pais e nais.
Por este motivo, o grupo municipal do BNG presentou unha moción en Pleno para instar ao Concello e a Xunta de Galiza para que se poñan de acordo en acondicionar o piso superior da escola infantil de Foz, situada no antigo Hotel Bahía e dotalo dos medios necesarios para o seu uso como aula. Así mesmo, na mesma moción faise un chamamento ao Concello e a Xunta de Galiza para realizar o peche da terraza e o seu acondicionamento para a súa utilización como aula do centro onde os nenos e nenas poidan estar aínda con mal tempo e de forma segura.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]