O BNG DE FOZ ESÍXELLE AO ALCALDE EXPLICACIÓNS A RAIZ DUNHAS DECLARACIÓNS NO CASO DE CASTRO DE REI
O Concello de Foz moi nomeado nun caso de corrupción
O portavoz municipal do BNG, González Basanta, dixo que “non vai o ser o BNG quen xulgue a realidade dos feitos e será a xustiza quen determine se estas testemuñas teñen algunha veracidade ou non, pero os nacionalistas de Foz xa temos avisado de que o sistema de contratación no concello non é o máis desexable de cara á transparencia na adxudicación de obras, posto que a maioría das obras (entre elas por exemplo as do Plan E) son adxudicadas polo sistema negociado sen publicidade no que o alcalde chama a tres empresas para logo adxudicarlle a obra á mellor oferta”. Este sistema, que tamén foi o utilizado nos procedementos que agora se están a investigar no caso “Operación Rei”, non é precisamente o máis transparente e obxectivo posto que non se lle da opción a todas as empresas a participar e a presentar as súas ofertas, co que abre a vía a posibles tratos de favor. “Non queremos nin por un momento pensar que esto mesmo puidera estar ocorrendo en Foz ”, afirmou Basanta
A parte disto, todo o mundo sabe que neste tipo de adxudicacións é moi fácil negociar por fóra outro tipo de “contrapartidas” á hora de contratar persoal por parte da empresa adxudicataria. Eso é precisamente o que da a entender algunha das conversas telefónicas do alcalde de Castro de Rei despois de levantar o secreto de sumario e que tamén foron publicadas: “a min vaime dicir: collinche a chavala para alí, pero tamén douche unha obra na que vas a gañar diñeiro”. Por iso, o BNG sempre defendeu un sistema de contratación que defenda un trato igualitario para todas as empresas non negándolle a ningunha o poder presentarse a un concurso público con publicidade.