Os nacionalistas solicitan a comparecencia do Conselleiro de Educación no Parlamento para explicar a situación do centro de Foz
IES de Foz
O Bloque Nacionalista Galego criticou tamén as formas coas que a Consellaría da Educación procedeu neste asunto tomando unha decisión unilateral, sen dialogar previamente coa comunidade educativa, sen contar co informe da inspección o que levou a que os veciños de Foz soubesemos da nova a través do DOG. “O Conselleiro de Educación non pode tomar estas decisións de xeito unilateral, isto é recortar e ofertar ciclos en función de non se sabe que intereses e máis cando os prexuízos que se crean son tantos” afirmou Basanta. Na mesma liña os nacionalistas critican que se este a utilizar diferentes varas de medir entre centros educativos da mesma Comarca, “xa que en Foz fechan o prazo de matrícula o 31 de Xullo para garantir o mínimo de alumnos para a continuidade dos ciclos, o que impide que se matriculen alumnos de cuarto da ESO e de Bacharelato pendentes dos exames de recuperación de setembro, mentres que no IES de San Cibrao ábrese un prazo extraordinario de matrícula do 1 ao 13 de Setembro para os alumnos que pretendan inscribirse no novo ciclo que van abrir de Química Industrial”, aseverou Basanta quen esixiu unha explicación por parte da Consellaría das razóns que motivan dúas varas de medir distinta para dous centros veciños.
O Portavoz Municipal do BNG advertiu do alcance das consecuencias “posto que se ven hai un acordo verbal de que nun primeira etapa só se suprimiría o ciclo de informática, existe o risco certo da desaparición do ciclo de comercio e do hostalería no caso de que a data de 31 de Xullo non se chegue a ratio mínima esixida pola normativa da Xunta de Galiza o que significaría a morte de facto da formación profesional no noso Concello, na medida que só permanecería aberto o ciclo de cociña”. Nesta liña o nacionalista lanzoulle unha mensaxe á Xunta de que non é tolerábel o trato que mostran cara Foz con decisións como esta e que “se perseveran nesta liña vanse atopar cunha resposta á altura da gravidade da decisión da Xunta”. Na mesma dirección Basanta esixiu un pronunciamento claro do PP de Foz e da Mariña en relación con isto, “aquí non cabe o silencio, posto que quen cala outorga, e calar aquí e ficar retratado diante de todo o pobo de que intereses se están a defender”, rematou o nacionalista