O BNG DE FOZ CONSIGUE A EXENCIÓN DE TAXAS DE EXAME PARA OS/AS DESEMPREGADOS/AS NAS PROBAS SELECTIVAS DO CONCELLO
Consello Local do BNG
Así mesmo, existen unha serie de colectivos –minusválidos, membros de familias numerosas, desempregados/as- que non poden pagar ditas taxas, coartando e dificultando o criterio constitucional de igualdade de oportunidades á hora de acceder a un posto de traballo, e que polo tanto, deberían ter algún tipo de exención ou bonificación. Por este motivo, o BNG propón adaptar a ordenanza a estas situacións, como xa se fai na administración autonómica onde ditos colectivos están exentos de pagar as taxas de exame. Unha vez aprobada esta modificación, significaría que estarán exentos do pagamento dos dereitos de exame na participación en procesos selectivos de persoal, logo de xustificalo documentalmente:
a) As persoas con minusvalidez igual ou superior ao 33%.
b) As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial. No caso de membros de categoría xeral, terán unha bonificación do 50%.
c) As persoas que figuren como demandantes de emprego desde, polo menos, os tres meses anteriores á data de convocatoria de probas selectivas de persoal convocadas para a selección de persoal do Concello de Foz nas cales soliciten a súa participación. Serán requisitos para o desfrute da exención que, no prazo de que se trate, non rexeitasen oferta de emprego adecuado nin se negasen a participar, agás causa xustificada, en accións de promoción, formación ou reconversión profesionais e que, así mesmo, carezan de rendas superiores, en cómputo mensual, ao salario mínimo interprofesional.
Para o BNG esta é unha proposta xusta que ven a satisfacer a demanda de numerosas persoas que se ven con moitas dificultadas para acceder a un posto de traballo en Foz polos motivos económicos expostos e esperamos que a moción finalmente se aprobe por unanimidade no pleno.