O BNG DE FOZ DESAPROBA EN PLENO O DESCONTROL DE GASTO DO GOBERNO MUNICIPAL
Grupo Municipal do BNG
Tamén é reprobable que se aprobara polo Pleno o ano pasado un Plan de Saneamento con medidas concretas para levar un maior control do gasto e que o grupo de goberno non estea facendo nada en seguir ese plan e segue gastando sen ningunha previsión.
Dentro das facturas de gasto que se presentaron podemos distinguir aquelas na que o retraso é imputable aos suministradores e contratistas e aquelas en que o retraso é culpa do propio grupo de goberno e das súas áreas de xestión ao non darlles conformidade en tempo e forma, un feito inxustificable e só atribuible á súa desidia e ineficiencia. Tampouco se tomou ningún tipo de medida con aquelas facturas irregulares e que están reparadas polo servizos de Intervención: estamos falando das referidas á impartición de cursos por persoas que non están dadas de alta no IAE e outras que non seguiron o procedemento legalmente establecido en canto á súa contratación.
Para o BNG estamos diante dun exceso de gasto e dun descontrol do mesmo. A este paso os que están xestionando actualmente o Concello están deixándoo sen fundos propios para posibles continxencias ou para investir en servizos que redunden no benestar das persoas: servizos sociais por exemplo ou plans de emprego serios. Para mostrar o dito salientar un dato que xa é público: tiñamos un remanente de tesourería no ano 2007 de máis de 6 millóns de euros. Pois ben, unha vez descontada esta modificación de crédito queda no remanente só 399.014 €. É dicir, o grupo de goberno socialista no que levan de lexislatura gastaron e malgastaron 6 millóns de euros en 3 anos, a 2 millóns de euros por ano.
O BNG votou en contra dunha subvención de 6.000 euros a un artista catalán para facer unhas reproduccións sobre a temática de San Rosendo sen ningún tipo de contraprestación máis que a súa exposición. En primeiro lugar porque o convenio con dito artista estaba xa asinado polo alcalde do día 5 de marzo sen consultar ao Pleno que é o que ten a competencia de conceder as subvencións, cousa que o alcalde recoñeceu que obrou mal. E en segundo lugar, porque o BNG non entende nin comparte que se lle outorgue unha subvención de tantos cartos a unha persoa de forma directa sen mediar ningún tipo de concurso ou certame que sería a fórmula máis correcta de facelo. O BNG despois do visto “anima a todos os artistas de Mariña e de fóra a pasar polo Concello de Foz a asinar un convenio similar e recoller os seus 6.000 euros para algunha obra que teñan realizando como se fixo nesta ocasión”.