O BNG PROPÓN AOS GRUPOS DA CORPORACIÓN UN VERDADEIRO PLAN DE EMPREGO MUNICIPAL
Consello Local do BNG
A proposta do BNG, sen estar en contra do plan presentado, pasa por elaborar un verdadeiro Plan de Emprego Municipal con continuidade no tempo, é dicir, que se faga para levalo a cabo durante 4 anos. Así mesmo, o Plan debe contar con programas dirixidos tanto á promoción do autoemprego –a través de axudas á creación de empresas, programas dirixidos ao comercio ou creación dun fondo municipal de emprendedores- como do emprego – a través de programas de contratación para a reinserción, colaboración con empresas locais con compromiso de contratación ou axudas para a formación en empresas. Para o BNG tamén é moi necesario poñerse en contacto con outras administracións, como a Xunta, para colaborar na creación de emprego estable e asentar poboación no concello.
Desde o BNG somos conscientes que as políticas de emprego municipais non dan resultados se non están acompañadas de políticas estatais e autonómicas, políticas que ata o momento só están castigando ás clases traballadoras e producindo máis paro. Por este motivo, o BNG xa ten demandado dos distintos gobernos do PSOE e do PP que os bancos habiliten créditos ás empresas medianas e pequenas, que se apoien aos sectores productivos do país (naval, pesqueiro ou leiteiro), que haxa un maior investimento público, facer unha reforma fiscal progresiva e que non grave a todos por igual ou que non se recorten os dereitos sociais e laborais dos traballadores.