O BNG denuncia que a rede de abastecemento de Foz é un auténtico polvorín
Barrio de Vilarmea-Fazouro
Así mesmo o BNG quere chamar a atención sobre a preocupación dos veciños e veciñas da área onde se sitúa o actual estación e onde pretende instalar a nova, para que se estude a idoneidade da súa ubicación a fin de escoller a mellor alternativa cara a evitar riscos en caso de accidente. Mesmamente a demanda veciñal cobra máis importancia aínda se estamos a falar dunha actuación para moitos anos, e que tamén pola súa contía económica e dificultade técnica, ten difícil rectificación a posteriori. En caso de que a ubicación non poida mellorarse, o BNG solicita que a obra que se faga sexa moi coidadosa en canto ás medidas de seguridade e prevención, aportando todos os adiantos técnicos precisos polo perigo potencial ao que se expón o barrio de Vilarmea, no que todas as vivendas quedan por debaixo do depósito.
A Asemblea Local do Bloque Nacionalista Galego quere por último expresar a súa solidariedade cos veciños afectados, pola riada que provocou a ruptura do tubo central, e que sufriron danos nas súas propiedades. Nunha situación de emerxencia social como esta, o Concello de Foz ten que habilitar liñas de axuda que palíen os danos ocasionados por este accidente unha vez valorados así como que se efectúen coa máxima urxencia as obras de adecentamento e recuperación das zonas afectadas polo efecto das augas. A tal fin o Grupo Municipal Nacionalista vai presentar unha iniciativa para o seu debate no próximo Pleno de cara a que se lle dea unha solución aos supostos que enunciamos anteriormente.