O BNG PRESENTA UNHA MOCIÓN EN SOLIDARIEDADE CON AMINATOU HAIDAR E CO POBO SAHARAUÍ

Aminatou Haidar, unha loitadora dos dereitos humanos

"A loita de Aminatou Haidar é a loita do pobo saharauí"Aminatou Haidar, loitadora polos dereitos humanos e a autodeterminación do seu pobo, o Sahara Occidental, segue retida e en folga de fame no aeroporto canario de Lanzarote debido á negativa do goberno de Marrocos, que ocupa ilegalmente o seu país desde 1975, a permitir o seu regreso ao seu domicilio d'El Aaiun, negativa que conta coa colaboración cómplice do goberno español malia infrinxir o Dereito Internacional que establece que ningunha persoa poderá ser privada arbitrariamente do dereito a entrar no seu propio país. Non é a primeira vez que Aminatou Haidar, que xa estivera até 2006 detida no infame cárcere d'El Aaiun, sofre a represión do réxime marroquino.
A dignidade de Aminatou Haidar lémbranos a todos e todas a urxencia de procurar unha solución democrática á situación do pobo saharauí, solución que pasa polo exercicio do dereito de autodeterminación tal e como ten recoñecido a comunidade internacional, e a responsabilidade histórica do Estado español como antiga potencia colonial que, en 1975, abandonou o pobo saharauí e permitiu a ocupación do seu territorio. Lémbranos tamén que o Estado español debe esixir firmemente do Reino de Marrocos o respecto aos dereitos humanos e da legalidade internacional e, en particular, o fin da ocupación do Sáhara Occidental e da represión sobre os seus habitantes.
Por todo isto, propoñémoslle ao Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte
ACORDO
Instar á Xunta de Galiza a que demande do Goberno do Estado unha actuación eficaz para lograr o regreso de Aminatou Haidar ao Sáhara Occidental, esixindo de Marrocos o respecto dos dereitos humanos e da legalidade internacional e, en particular, o fin da ocupación do Sáhara Occidental e da represión sobre os seus habitantes así como a recoñecer oficialmente a República Árabe Saharaui e Democrática e ao Frente Polisario como únicos e lexítimos representantes do pobo saharauí.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]