O BNG presenta unha moción para defender a fusión das Caixas Galegas
“as caixas galegas non son propiedade de máis ninguén que dos galegos"O BNG considera que actual crise financeira, que ven provocando un feche na billa do crédito no último ano e medio, é unha das causas da delicada situación que están a sufrir autónomos e PEMES en Foz e que foi asemade unha das causas centrais de que fora precisamente no réxime de autónomos onde máis empregos se perderon no Concello desde que empezou a crise económica.
O BNG de Foz está convencido de que manténdose a actual política crediticia por parte das entidades financeiras os nosos autónomos e PEMES van padecer un ano 2010 insoportábel, na medida en que sen financiamento non van contar con instrumentos para poder sortear o escenario económico que estamos a padecer. A crise que está a sufrir o sector bancario, non pode ter como paganos a pequenos negocios e autónomos, aínda máis, cando bancos e caixas están a recibir cuantiosas cantidades de diñeiro público por parte do Goberno do Estado: “o Goberno Galego ten que arbitrar mecanismos que permitan achegar financiamento ás empresas a través dos operadores públicos (IGAPE...) e obrigue ás caixas galegas a abrir a billa do crédito se non queremos ter un outono con boa parte do noso sector produtivo desmantelado”. Basanta considera que é central garantir a galeguidade das caixas, algo que pasa necesariamente pola fusión de Caixa Galicia e Caixa Nova, e definir unha política de crédito para as mesmas que non poden responder unicamente a dialéctica de maximizar os beneficios, senón que debe atender as necesidades do noso tecido produtivo.
O BNG recalca que “a situación actual de recesión económica e de dificultades financeiras fai necesaria a intervención por parte dos poderes públicos galegos na adopción dunha estratexia por parte das caixas de aforro galegas de apoio decidido aos sectores produtivos galegos, ás empresas que producen e crean valor en Galiza e, en xeral, a contribuír ao impulso da economía produtiva do país. Cómpre, polo tanto, máis que nunca a coordinación da política crediticia e de investimentos das caixas de aforro galegas, orientándoas a fortalecer os lazos co tecido empresarial galego e apoiar o financiamento dos sectores económicos estratéxicos, así como a xeración de emprego”.
Na mesma liña, o BNG de Foz insta á Xunta de Galiza a que facendo uso das competencias estatutarias, vete calquera operación que signifique a absorción das entidades galegas por outras foráneas. Igualmente os nacionalistas demandan que a nova lei de caixas, que aprobou a pasada semana elaborar o parlamento, fixe como obxectivo unha maior participación pública de cara a permitir redireccionar o crédito á actividade produtiva.
Xa por últimos desde o BNG de Foz esixiuse unha reforma legal pola que se reforce a función de protectorado e control público das caixas de aforro, dada a súa natureza e función social, para conectalas coa estratexia económica máis acaída aos intereses económicos xerais do país; así como se mellore a transparencia no seu funcionamento, afondando nunha maior democratización dos seus órganos directivos. Tanto é así que “as caixas galegas non son propiedade de máis ninguén que dos galegos, polo que non podemos permitir que os seus xestores actuais, responsábeis da situación na que se atopan, determinen a súa política de crédito, deixando abandonados aos nosos sectores económicos”.