O BNG REITERALLE AO GRUPO DE GOBERNO DO PERIGO DA PISTA COSTEIRA EN FAZOURO A PUNTO DE DERRUBARSE
Estado da pista de Fazouro
Hai tempo xa que o BNG denunciara esta situación ao goberno municipal a través dun rogo en pleno, pero hai que dicir que desde aquela non moveu un só dedo para tomar medidas e restaurar o estado da vía. Tanto é así que foron os propios veciños quen puxeron unhas estacas con cintas de plástico a modo de sinalización como medida de advertencia, cintas que xa desapareceron polo paso do tempo. Esto demostra unha vez máis que o goberno municipal está situado na máis absoluta inanición, máis preocupado por facer que fan e con liortas entre eles, que por resolver os múltiples problemas que os veciños teñen.
Mentres non se faga efectiva unha solución definitiva –que pasaría por reforzar o firme ou desviar a estrada- o que desde o BNG pedimos urxentemente é que alcalde tome medidas de precaución e sinale adecuadamente o lugar, advertindo con sinais reflectantes o perigo deste punto e cortando parte da calzada se fose necesario.