O BNG PROPÓN QUE O CONCELLO DE FOZ SE ADHIRA Á PLATAFORMA CIDADÁ “QUEREMOS GALEGO".
“O Concello de Foz debe estar á vangarda na defensa do noso idioma”Como todo o mundo sabe, QUEREMOS GALEGO é unha plataforma cidadá, conformada por entidades de diferentes ámbitos e por persoas a título individual, que nace da vontade de articular unha ampla resposta colectiva a prol da lingua propia do noso pobo, o galego; de defensa e afirmación dos usos públicos e dereitos lingüísticos xa garantidos pola actual lexislación; de progresiva normalización naqueles espazos onde o noso idioma non goza aínda da presenza desexada.
Desde o BNG de Foz cremos que o Concello debe apoiar a Queremos Galego diante da difícil situación que está a vivir a lingua neste momento concreto como reflicten todos os estudos elaborados ata o momento. A esto únese un elemento non menos grave: as medidas regresivas que no ámbito da lingua ou da cultura está a aplicar o actual goberno da Xunta xa desde os primeiros días da lexislatura. Medidas como por exemplo derrogar o decreto do uso do galego no ensino, excluir ao galego das oposicións ou reducir as axudas á promoción do galego.
Por todo isto, o BNG propón o acordo de que o Concello de Foz se adhira á “Plataforma cidadá QUEREMOS GALEGO”. E propono desde a convicción de que a actual situación de retrocesos legais, desprotección dos nosos dereitos lingüísticos ou cuestionamento de consensos básicos arredor do idioma que custou o seu traballo construír, non gusta a unha inmensa maioría da sociedade galega, que ama a súa lingua e desexa a súa normalidade.