O BNG de Foz defende o mantemento das oficinas I+B, unha delas en Mondoñedo
Na actualidade hai no noso país 18 oficinas de I+B, unha delas en Mondoñedo, a prática totalidade dos municipios galegos, exclusión feita dos de carácter urbano. Estas oficinas actúan, en plena coordinación cos servizos sociais municipais, desenvolvendo programas en materia de menores, loita contra a pobreza e inclusión social, igualdade e familia. En total, son 104 traballadores e traballadoras, aos que hai que sumar as 9 persoas que integran a equipa coordinadora e 3 profesionais que exercen no módulo Nelson Mandela de Teixeiro.
Aínda tendo en conta todo isto, tanto a Conselleira de Traballo e Benestar como a Secretaria Xeral de Familia e Benestar, seguen a deitar dúbidas sobre o futuro destas oficinas e das súas traballadores e traballadores, avogando para que sexan os concellos os que asuman os servizos que se prestan na actualidade e remitindo a súa continuidade á negociación coa FEGAMP. Ameázase deste xeito con pór fin a unhas oficinas que, desde un punto de vista integral e multidisciplinar, supuxeron unha clara melloría na prestación dos servizos sociais no canto de afortalalas dando continuidade a un proceso de consolidación de emprego para os seus traballadores e traballadoras paralisado pola Xunta do PP. Hai que ter en conta que estas oficinas de I+B traballan en permanente coordinación cos servizos muncipais, que ven desconxestionar o seu traballo ao permitir derivar cara elas un volume importante de asuntos.